O Centro Ramón Piñeiro publica ‘Celebración de Uxío Novoneyra’, unha obra con preto de cincuenta prosas inéditas do poeta

Con este traballo, o centro de investigación da Secretaría Xeral de Política Lingüística réndelle homenaxe ao escritor ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas

Lun, 15/03/2010 - 16:55
Presentación da obra "Celebración de Uxío Novoneyra"
Presentación da obra "Celebración de Uxío Novoneyra"

O Centro Ramón Piñeiro para Investigación en Humanidades, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, vén de presentar a obra Celebración de Uxío Novoneyra (1930-1999), unha homenaxe ao autor ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas que achega case medio cento de prosas inéditas do escritor, ademais doutros documentos como o seu expediente académico, caligrafías, mecanoscritos e textos de autopoética, entre outros.

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, afirmou hoxe, durante a presentación da obra, que “no caso da literatura galega, e polo que respecta á poesía, un fito indiscutible foi, en 1955, a publicación d’Os Eidos, que sería “referente lírico ao longo de toda a segunda metade do século XX”. O conselleiro tamén falou desta obra de Novoneyra como o libro inspirado nos “tesos cumes” da serra do Courel, na “terra moura das montañas” e nos lobos que andaban “polo ollo do bosco”.

Na presentación de Celebración de Uxío Novoneyra (1930-1999), que tivo lugar na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela, tamén participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López Rodríguez. Durante a súa intervención, o responsable de Política Lingüística referiuse a Novoneyra como unha figura que “tivo na poesía e na lingua casa e acubillo, vínculo co pasado, co pobo e coa tradición”.

Anxo Lorenzo tamén destacou que Novoneyra simultaneou durante moitos anos o seu labor poético co desempeño da presidencia da Asociación de Escritores en Lingua Galega. “Por iso a reflexión poética, os versos dos poetas galegos, a defensa da lingua e a promoción dos nosos escritores son asuntos reiterados das súas prosas, nas que está no poeta e o home, o escritor e o cidadán, con posicionamentos sociais e ideolóxicos claros e explícitos”, afirmou o secretario xeral.

Pola súa parte, o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López Rodríguez, recordou que “para os que traballamos en prol do patrimonio creativo de Galicia, esta obra constitúe un fito importante, un xeito magnífico de lembrar a actualidade do que podemos considerar como o poeta máis innovador de Galicia no século XX”. O director xeral tamén fixo fincapé en que Novoneyra verteu a nosa sensibilidade a unha linguaxe universal, e converteu as nosas paisaxes e as nosas emocións en letra con experiencia de vida, en mensaxes cargadas de enerxía, capaces de transcender o tempo e as fronteiras”.

O coordinador da colección Cadernos Ramón Piñeiro, Luís Alonso Girgado, e mais Luís Cochón, catedrático de ensino medio do IES Rosalía de Castro e coordinador dos textos de Novoneyra editados no volume, tamén destacaron a figura do poeta do Courel durante a presentación da obra.

Preto de medio cento de prosas inéditas

A publicación de Celebración de Uxío Novoneyra (1930-1999) –un novo volume da colección Cadernos de Ramón Piñeiro– representa, neste ano 2010 no que o Día das Letras está dedicado pola Real Academia Galega ao poeta do Courel, un primeiro e importante paso na bibliografía crítico-textual do escritor. A importancia desta obra deriva do feito de publicar case medio cento de prosas inéditas do poeta; de facer un esforzo compilatorio de fontes xornalísticas dos seus poemas e, ademais, de dar a coñecer –así mesmo por vez primeira– o seu expediente académico (co orixinal do seu exame de ingreso no Instituto de Lugo) e unha ben ilustrativa crono-bio-bibliografía baseada en múltiples fontes, rica e precisa en datos.

Caligrafías, mecanoscritos e textos de autopoética completan este heteroxéneo e multifacético libro, que será en adiante consulta obrigada en futuros traballos sobre o gran poeta galego da segunda metade do pasado século.