Xesús Vázquez abad: “o inglés é unha demanda da sociedade, e algo ao que Galicia non pode renunciar”

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria destacou na Radio galega o compromiso coa aprendizaxe de linguas estranxeiras do anteproxecto do Decreto do plurilingüismo

Lun, 15/03/2010 - 09:31

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, explicou hoxe que o anteproxecto do Decreto do Plurilingüismo, que será enviado hoxe á Mesa Sectorial, non renuncia ao punto de partida xa recollido nas bases, nomeadamente o coñecemento das linguas estranxeiras, sen prexuízo do equilibrio entre as dúas linguas oficiais e da promoción da lingua galega dentro do ensino.

Nunha entrevista an Radio Galega, o conselleiro de Educación explicou que o documento presentado o pasado sábado recolle suxestións daqueles grupos e axentes implicados que as presentaron, xa que “desde o primeiro momento escoitamos á sociedade e procuramos o consenso”. Na mesma liña, Vázquez Abad lembrou a vontade do goberno galego de escoitar a opinión das familias, que “están moitas veces lonxe do sistema educativo, polo que entendemos que é importante que se integren e participen activamente”, apuntou.

Ademais, o responsable de Educación destacou que o anteproxecto vai ser analizado punto por punto na Mesa Sectorial, e que pasará despois polo Consello Escolar e polo Consello Consultivo, antes da súa aprobación. Unha vez superados estes pasos, o novo decreto será posto en marcha o vindeiro curso 2010/2011. “Ese é o noso compromiso”, lembrou Vázquez Abad.

O inglés, un obxectivo irrenunciable

Ademais de garantir o equilibrio total entre galego e castelán na escola, e a promoción da lingua galega nas aulas; o anteproxecto do Decreto do Plurilingüismo dedica un capítulo específico ás linguas estranxeiras, cuxo coñecemento é cada vez mais importante para a xuventude. “Temos que dar pasos cara adiante nun mundo global, no que a mobilidade, especialmente dos máis novos, é cada vez maior", destacou o conselleiro de Educación”.

Así, o proceso de introdución dunha terceira lingua nas aulas será “un proceso gradual, progresivo e voluntario”. En todo caso, que os mozos e mozas galegos teñan competencias nunha lingua estranxeira, especialmente en inglés, é “unha demanda da sociedade, e algo ao que Galicia non pode renunciar”.