O Conselleiro de Cultura e Educación salienta a obra de construción educativa e cultural feita por Germán Sánchez Ruipérez, na homenaxe ao editor

Vázquez Abab participou hoxe no acto organizado polo Concello de Sanxenxo en lembranza deste fillo ilustre da vila pontevedresa

Mar, 21/08/2012 - 12:54

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou hoxe “a obra de construción cultural e educativa” de Germán Sánchez Ruipérez, editor galego creador da editorial Anaya e cofundador de Edicións Xerais de Galicia, a quen se lle rendeu hoxe homenaxe en Sanxenxo. Neste sentido, Vázquez  Abad convidou a honrar a memoria deste libreiro “título profesional do que el mesmo sempre se gababa”, continuando a súa obra, “feita con palabras e ideas que traen horizontes, abren fiestras, dan luz e fan ben ao espírito de todas e todos”.

“Sinxelamente quero dicir que, se ben Germán Sánchez Ruipérez xa non está connosco, as súas palabras aínda vibran forte da raíz á última póla, e as súas ideas aínda nos inspiran e guían a todos os que, dun ou doutro modo, dedicamos o noso esforzo á xestión ou á administración cultural e educativa”, rematou

O Concello de Sanxenxo organizou este acto en lembranza do seu fillo ilustre, no que participaron tamén a propia alcaldesa da vila, Catalina González Bea; o presidente do Consello da Cultura Galega e membro da Real Academia Galega, Ramón Villares Paz; o escritor, editor e membro tamén da RAG, Víctor F. Freixanes; o libreiro Xaime Corral, o editor Manuel Bragado; e Ofelia Grande de Andrés, en representación da familia de Sánchez Ruipérez. Este acto constitúe unha homenaxe póstuma de Sanxenxo ao editor – falecido en febreiro de 2012-, e completa á xa realizada en 2010, cando se lle concedeu a Cebola de Ouro da vila, coa que este concello agasalla aos seus fillos máis queridos.

Modernización da didáctica e o sector editorial

Nado en Peñaranda de Bracamonte (Salamanza), Sánchez Ruipérez, estivo intensamente vencellado a Galicia ao longo da súa vida, sendo cofundador - con Xulián Maure Rivas e Camiño Noia Campos-  de Edicións Xerais de Galicia en 1979, contribuíndo á modernización do sector editorial galego.

A través da editorial Anaya, Sánchez Ruipérez participou de forma activa na modernización da didáctica, coa edición de novos manuais para a escola que romperon co anterior modelo enciclopédico. Neste sentido cómpre salientar ademais o impulso que supuxo para a lingua galega a edición por parte de Anaya de O galego na escola, primeiro libro de texto para o ensino da nosa lingua, elaborado polo profesor Xesús Alonso Montero e o inspector Xosé María Marcos de Abajo.

Coa participación do conselleiro neste acto, a Xunta de Galicia contribúe á posta en valor dunha figura como a de Sánchez Ruipérez, e do seu forte compromiso coa difusión do libro e da lectura, un labor que continúa a fundación que leva o seu nome.