Xesús Vázquez Abad da a coñecer as pinturas rupestres atopadas na Cova de Eirós, en Triacastela, Lugo

O conselleiro de Cultura e Educación presentou o achado xunto cos técnicos responsables da escavación

Tratase dun dos descubrimentos patrimoniais máis importantes de Galicia, no que a Consellería colaborou aportando respaldo técnico e económico

Lun, 20/08/2012 - 13:34
Xesús Vázquez Abad na cova Eirós
Xesús Vázquez Abad na cova Eirós

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou hoxe os últimos achados realizados na Cova Eirós, en Triacastela, e que se trata dun dos descubrimentos patrimoniais máis importantes acontecidos en Galicia. Sobre isto o conselleiro asegurou que estes son “os primeiros restos de arte parietal paleolítico en Galicia que se traducen en indicios de restos de pinturas e gravados rupestres nas paredes da Grande Sala da citada cavidade.

Así, Vázquez Abad deu a coñecer a existencia de restos de arte rupestre prehistórico na Cova de Eirós, en Lugo, ao tempo que recordou que “aínda estamos a espera de confirmarse as sólidas hipóteses presentadas cos resultados de probas como os da datación radiocarbónica”.

Apoio da Xunta

Un importante descubrimento enmarcado nun proxecto de investigación que conta co respaldo da Consellería de Cultura e Educación, a través dunha achega de máis de 13.000 euros, e do apoio técnico da Dirección Xeral de Patrimonio.

Cómpre destacar que a investigación está a ser realizada por un equipo de técnicos investigadores conformado por profesionais das Universidades de Santiago de Compostela e da Rovira e Virgill - IPHES.

O traballado de todos estes profesionais foi recoñecido por Vázquez Abad, que destacou que “o excelente nivel científico do equipo multidisciplinar que se ocupa das intervencións arqueolóxicas de seguro permitirá contar con información precisa e fiable”.

Equipo de investigación

No acto de presentación destes descubrimentos tamén participaron o director do proxecto, Ramón Fábregas os coordinadores das escavacións, Arturo de Lombera Hermida e Xosé Pedro Rodríguez; así como o reitor da USC, Juan Casares Long. Previamente todos eles, xunto cos investigadores Ramón Viñas, Fernando Carreira, Carlos Rodríguez, Mario Reis e Teresa Rivas, así como o xefe territorial de educación en Lugo, José Jesús Ramos Ledo, estiveron a facer un percorrido a pe polos arredores da cova.

Cómpre destacar que as investigacións que se están a desenvolver neste contorno contan coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e forman parte do proxecto “Ocupacións humanas durante o Pleistoceno da cunca media do Miño”, que se ven desenvolvendo nos últimos anos co obxecto de investigar ocupacións correspondentes ao Paleolítico no Noroeste peninsual.

Desde o 2008 esta é a quinta campaña de escavación neste espazo, e ata o de agora na entrada xa se localizaron varios niveis de ocupación do Paleolitico Medio e Superior de entre 85.000 e 35.000 anos. Ademais se comprobou que a cova tamén foi ocupada na Idade de Bronce e Media.