O conselleiro de Educación reclama no foro Europa a necesidade dun pacto pola educación

Xesús Vázquez Abad recordou a importancia de adaptar o sistema ás novas xeracións

Lun, 08/03/2010 - 12:56

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, recordou a importancia do desenvolvemento dun Pacto pola Educación, durante a súa participación nun almorzo informativo do Fórum Europa Tribuna Galicia organizado por Nueva Economía Fórum, celebrado hoxe no Hotel Hesperia Finisterre da Coruña.

Durante a súa intervención, o conselleiro explicou que desde o 1990, coa LOGSE, ata o 2010, todas as leis educativas, foron variacións dunha mesma proposta educativa, o que derivou na falta de estabilidade dun modelo educativo que leva 20 anos en cambio constante cuns froitos nefastos que esixen unha revisión profunda. Tras incidir en que a pauta seguida levounos a ter taxas de fracaso e abandono escolar que xira en torno ao 25 %, Vázquez Abad denunciou o deterioro de valores coma a disciplina, o esforzo e o traballo. Tamén aludiu ao aumento dun clima de desorde nas clases, onde falta a autoridade do profesor, que segue sen un estatuto da función docente que defina o seu papel, contribúen de forma decisiva a este fracaso. Así as cosas, Vázquez Abad sinalou que é “necesario alcanzar unha educación de calidade. Ese –dixo- debe ser o obxectivo prioritario de todo goberno”.

Esforzo como base

O conselleiro de Educación foi presentado polo presidente da Asociación de Directores de Colexios Públicos da provincia da Coruña, Venancio Braña, quen fixo un pequeno repaso á biografía de Vázquez Abad, no que destacou a súa paixón polo traballo, en especial no eido da educación.

Unha dedicación que o propio conselleiro recordou na súa intervención ao dicir que “é  necesario promover a cultura do esforzo nos alumnos como unha garantía de progreso persoal, porque sen esforzo non hai aprendizaxe. Ademais, é nun clima escolar ordenado e esixente, no que os alumnos vexan recoñecido o seu esforzo diario, onde se produce a verdadeira integración e se compensan as diferenzas asociadas aos factores de orixe social”. Neste mesmo sentido, o responsable de Educación destacou a importancia dos procesos de avaliación, que “permiten orientar convenientemente as accións de educación e formación, e a consolidación da cultura do esforzo e a mellora da calidade”.

Novas tecnoloxías

Sobre o desenvolvemento das novas tecnoloxías en beneficio da educación, Vázquez Abad aludiu á inminente posta en marcha do Proxecto ABALAR, en colaboración coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia,  que “suporá –afirmou- un cambio no modelo de ensinanza-aprendizaxe, integrando as Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) en todos os ámbitos do ensino, mediante accións que ademais de dotar de equipamento e infraestruturas aos centros, implicará a aportación de contidos, ferramentas dixitais, así como formación aos membros da propia comunidade escolar”.

Sobre esta iniciativa engadiu que “a renovación vai comezar este mesmo ano, porque agora é cando a educación ten que empezar a cambiar Galicia, e esta Consellería vai levar o novo ensino a través das TIC alí onde a fenda dixital o está a impedir neste momento”. O proxecto ABALAR, cunha inversión de mais de 12 millons de euros, dará a posibilidade de que o próximo curso, arredor de 14.500 alumnos e alumnas de educación primaria e secundaria obrigatoria melloren as súas competencias dixitais grazas á implantación nos centros educativos galegos deste proxecto, que busca ademais a participación activa de todos os membros da comunidade educativa, incluídas as familias.

Todo isto ira en beneficio de novas xeracións, que tamén precisan das linguas para saír fóra e dar a coñecer a súa valía, polo que a Consellería esta a traballar para que os estudantes galegos poidan beneficiarse das posibilidades profesionais e persoais dun mundo globalizado e con mobilidade crecente, colocando o coñecemento das falas estranxeiras como un obxectivo estratéxico, “non só da educación senón tamén de todo o conxunto da sociedade”, lembrou o conselleiro. Nesta liña, indicou que ”o Goberno galego está a traballar no desenvolvemento dun Plan de aprendizaxe de linguas estranxeiras, cuxo obxectivo sexa que os nosos alumnos teñan un coñecemento efectivo de tres idiomas -galego, castelán e inglés- ao remate da escolarización básica e obrigatoria, e para elo, é necesario comezar a aprendizaxe desde a mais tenra infancia”, algo que se vai levar a cabo a través de accións de formación e de promoción da mobilidade dos estudantes e dos docentes.

Adaptación ao mundo laboral

Os idiomas, as TIC, e o Pacto pola educación son todos puntos importantes en todos os niveis educativos, nos que, como sinalou o conselleiro, destaca o crecente valor da Formación Profesional, unha alternativa educativa que “temos que modernizar a oferta formativa, de tal forma que dea resposta ás necesidades do tecido socioprodutivo”. Deste modo, Vázquez Abad lembrou que o actual equipo da Consellería adaptou xa 20 currículos dos ciclos formativos á Lei Orgánica de Educación, nestos dez meses, mentres que o Bipartito só adaptou 6 en catro anos. Ao mesmo tempo o goberno avanza na integración das ensinanzas de formación profesional no conxunto do sistema educativo, co obxecto de facilitar a mobilidade tanto co Bacharelato como co ensino universitario.

O acto coincidiu coa celebración do Día Internacional da Muller, sobre o que Vázquez Abad destacou que “é cada vez máis normalizada a entrada da muller no mundo educativo. A súa presenza no mundo laboral é algo cotián; non debemos de esquencer os esforzos realizados para chegar ata acó, e neste proceso haberá que avanzar todos os días”. Neste sentido, destacou ademais a presenza da directora de La Opinión da Coruña,  Carmen Merelas, única muller que desempeña a dirección dun xornal galego, e que se ocupou de moderar hoxe a rolda de preguntas.

No almorzo informativo estiveron presentes a conselleira de Traballo, Beatriz Mato; os directores e secretarios xerais da Consellería de Educación; así como o delegado da Xunta na Coruña, Diego Calvo; e a xefa territorial de Educación, María Teresa Villaverde Pais. En representación de Itínere, unhas das empresas patrocinadoras do Forum Europa, acudiron o seu presidente, Pedro Pérez, e o seu conselleiro delegado, Javier Pérez García. Ao acto asistiu tamén o presidete o Partido Popular na Coruña e portavoz do Grupo Popular en pleno, Carlos Negreira Souto.