Vázquez Abad visita as obras de centros educativos de Ferrol no que a Consellería está a investir preto de 220.000 euros

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria comprobou a evolución das obras de mellora que se están a realizar no CEIP Recimil e no IES Ricardo Carballo Calero

Ambos centros contan con contratos programas que teñen como obxectivo dar apoio educativo ao alumado

Durante o percorrido recordou que na comarca tamén se melloran as instalación do CEIP Juan de Langará, o CEE Terra de Ferrol e o CIFP Ferrolterra

Ven, 03/08/2012 - 11:26
Vázquez Abad visita as obras de centros educativos de Ferrol no que a Consellerí
Vázquez Abad visita as obras de centros educativos de Ferrol no que a Consellería está a investir preto de 220.000 euros

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, comprobou hoxe o estado das obras que se están a realizar en centros educativos de Ferrol e para as que hai destinado un orzamento de preto de 220.000 euros.

Durante a súa visita a cidade departamental o conselleiro comprobou hoxe as instalacións do CEIP Recimil e o IES Ricardo Carballo Calero nos que se están a investir preto de 120.000 en obras de reparación e mellora das instalacións destes dous centros, de cara a dar resposta ás necesidades da comunidade educativa.

CEIP Recimil

Así durante o percorrido polo CEIP Recimil o conselleiro sinalou que se están a realizar melloras nos aleros dos teitos e na carpintaría relativos as fiestras, co obxectivo de manter o interior do edificio illado, o que beneficiará aos 124 estudantes de educación infantil, os 273 de primaria e todo o equipo docente. Deste xeito o investimento de 58.631 euros permitirá unha mellor optimización dos recursos ao favorecer un mellor aproveitamento da calefacción.

Durante a visita Vázquez Abad tamén mostrou o seu interese pola situación do centro, que compre recordar que conta con dúas aulas dixitais, unha para o desenvolvemento dos contratos programas por un banda no programa de reforzo, orientación e apoio (PROA) e por outra banda para a mellora da lectura, escritura e cálculo.

Ademais o conselleiro, acompañado pola a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo; o xefe territorial de Cultura e Educación na provincia, Indalecio Cabana; a directora do cento, María Victoria Suárez Taibo e parte do equipo do centro percorreu o colexio e visitou a biblioteca, integrada no PLAMBE desde o curso 2006 e que leva recibidas achegas por preto de 19.500 desde a Xunta para a mellora da súa oferta de cara ao beneficio dos escolares.

IES Ricardo Carballo Calero

Tras a visita ao CEIP Recimil, Vázquez Abad xunto a do Campo e Cabana desprazouse ata o IES Ricardo Carballo Calero, onde acompañado polo seu equipo directivo tamén deu conta da evolución das obras de que se están a realizar para a adecuación de espazos de talleres.

Trátase dun investimento de 58.949 euros cos que a Consellería mellorará os espazos destinados para os estudantes de ciclos formativos en relativos a Estética e Peiteado matriculadas 121 alumnas e alumnos.

Durante a visita o titular de Cultura e Educación da Xunta recordou que o centro ao que ademais asisten 83 estudantes da ESO e 72 de bacharelato pertence ao programa Abalar desde o seu comezo, e conta con tres aulas destinadas a este proxecto que dan resposta a 49 estudantes de 1º e 2º da ESO.

O instituto conta cunha biblioteca que ofrece clubes de lectura aos seus usuarios e ten un contrato programa destinado a mellora da lectura escritura e cálculo para estudantes de 1º ciclo da ESO e para a mellora do nivel de coñecemento para acadar a excelencia para o alumnado da ESO.

Outras obras en Ferrol

Durante o percorrido por ambos centros o conselleiro mostrou o seu interese pola situación dos mesmos ao tempo que recordou que en Ferrol tamén se están a realizar melloras noutros centros como acontece no CEIP Juan de Lángara, no que xa se acometeu unha importante mellora de carpintaría e na instalación eléctrica, no CEE Terra de Ferrol e no CIFP Ferrolterra, no que se está a mellorar o saneamento.

Deste xeito Vázquez Abad sinalou durante o percorrido que a administración galega volveu dar resposta ás necesidades plantexadas polas comunidades educativas, atendendo as súas demandas Con obras como as desenvolvidas neste concello a Consellería continúa a dar conta do seu compromiso de mellora do sistema educativo galego, a pesar da difícil situación económica.