Xesús Vázquez Abad anuncia a licitación das obras de ampliación do CEIP Bergantiños de Carballo por preto de 1.500.000 euros

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria comunicou a noticia durante a visita realizada ao CEIP Maciñeira, en Neda, onde comprobou o resultado das obras que converteron o patio cuberto nunha zona de xogos pechada

Mér, 01/08/2012 - 14:00
Xesús Vázquez Abad anuncia a licitación das obras de ampliación do CEIP Berganti
Xesús Vázquez Abad anuncia a licitación das obras de ampliación do CEIP Bergantiños de Carballo por preto de 1.500.000 euros

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, anunciou que nos vindeiros días se publicara a licitación da obra de ampliación do CEIP Bergantiños de Carballo, na Coruña por preto dun millón e medio de euros.

O titular de Cultura e Educación deu a coñecer a noticia durante a visita realizada ao CEIP Maciñeira en Neda, Ferrol na que comprobou o resultado das obras de mellora levadas a cabo no centro. No relativo ao CEIP Bergantiños, Vázquez Abad recordou que se trata dunha importante obra cun orzamento 1.423.533 euros destinados á construción dun novo edificio con 9 aulas escolares, unha de usos múltiples e outra de psicomotricidade, aseos e outras instalacións. Trátase dun novo edificio que dará un novo e independente espazo ás alumnas e alumnos de 3 a5 anos do centro.

CEIP Maciñeira

Durante a súa visita ao CEIP Maciñeira o conselleiro puido dar contar das melloras realizadas este curso ao converterse o patio cuberto nunha zona de xogos pechada, e que tiveron un orzamento superior aos 36.000 euros. Unha obra que ademais implicou a eliminación do problema de humidades existentes na aula de inglés.

Deste xeito Vázquez Abad sinalou durante o percorrido que a Consellería volveu dar resposta ás necesidades plantexadas pola correspondente comunidade educativa, e en concreto a dúas das demandas que o centro viña presentando.

Acompañado polo xefe territorial de Educación na Coruña, Indalecio Cabana;  e membros do equipo docente do centro o conselleiro percorreu o colexio, no que o pasado curso estudaron 32 alumnas e alumnos de educación infantil e 81 de primaria. Unhas instalacións que contan cunha biblioteca escolar que está a recibir achegas por parte da Consellería e desde o curso pasado conta cun kit dixital.

Ademais o conselleiro recordou as obras levadas a cabo no mesmo concello de Neda, no CEIP San Isidro, no que se mellorou a instalación eléctrica.

Con obras como as desenvolvidas no CEIP Maciñeira de Neda, e as futuras no CEIP Bergantiños de Carballo, a Consellería continúa a dar conta do seu compromiso de mellora do sistema educativo galego, a pesar da difícil situación económica.