Vázquez Abad visita as instalacións do CEP Antonio Magariños en Cambados tras as obras de mellora por valor de 200.000 euros

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria visitou o colexio no que foi ampliada a biblioteca, as aulas de infantil e quedou habilitado un espazo para o comedor

O centro formará parte do programa Abalar no curso 2012-2013 que xa chega a 535 centros educativos e máis de 44.000 escolares de Galicia

Lun, 30/07/2012 - 14:42
 Vázquez Abad visita as instalacións do CEP Antonio Magariños en Cambados tras a
Vázquez Abad visita as instalacións do CEP Antonio Magariños en Cambados tras as obras de mellora por valor de 200.000 euros

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, comprobou hoxe o resultado das obras de ampliación e reforma do CEP Antonio Magariños Pastoriza, en Cambados, que tiveron un orzamento superior aos 200.000 euros.

Tal e como anunciará hai un ano o conselleiro o colexio foi sometido a obras de ampliación en diversos espazos do centro no que estudan 260 alumnas e alumnos dando resposta ás solicitudes realizadas pola comunidade educativa da localidade pontevedresa.

Deste xeito ao longo destes meses realizouse a ampliación da biblioteca, ao tempo que foi habilitado un espazo para un comedor escolar. Do mesmo xeito tamén se realizaron as obras relativas as aulas de primaria.

Resposta ás necesidades

Nesta primeira fase, as actuación nas instalacións do CEP Antonio Magariños derón resposta a unha das principais demandas da súa comunidade educativa, dotando ao centro do comedor que viña solicitando.

Ademais, e xunto a este espazo, ampliouse a biblioteca para mellorar a súa funcionalidade, colocando xunto a ela unha aula polivalente e un lucernario para o mellor aproveitamento da luz natural. Cómpre recordar que o espazo da biblioteca, que pertence ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolar desde o curso 2010/2011, leva recibidas achegas por parte da Consellería por valor de máis de 19.000 euros.  Ademais dita aula polivalente dotouse dun acceso directo ao exterior de forma que este espazo contempla unha maior flexibilidade nos seus usos.

Por outra banda, tamén nesta primeira fase, foron reestruturados os espazos de 4 aulas de primaria para conseguir espazos máis axeitados ao seu uso, de forma que o centro conta agora con 12 aulas para dar resposta ás necesidades educativas do centro.

Reforzo educativo

Durante avisita o Vázquez Abad, que estivo acompañado polo delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Touris; o xefe territorial de Educación na provincia, César Pérez Ares; e a directora do centro educativo, Rosa Fiel Paz, recordou que o centro contará a partir de setembro co programa Abalar, sendo un dos 145 novos centros Abalar da comunidade. Cómpre recordar que este programa chegará o vindeiro curso a 44.000 estudantes de 535 centros galegos.

Asemade o CEP Antonio Magariños tamén conta con cun contrato-programa para o apoio aos estudantes reforzando as actuacións educativas dentro do propio centro escolar e o pasado curso beneficiou a 28 estudantes de 2º e 3º ciclo de primaria.

Co mesmo obxectivo o concello de Cambados recibiu por parte da Consellería de Cultura e Educación 12.800 euros en axudas para desenvolver actuacións para a prevención do abandono escolar.

Con este proxecto a Consellería continúa co seu compromiso de mellora do sistema educativo galego. Mellorando as condicións de accesibilidade e infraestrutura xeral do CEP Antonio Magariños Pastoriza de Cambados, o profesorado e os alumnos do centro.