Xesús Vázquez Abad inaugura no Pazo de Mariñán, A Coruña, o encontro da UIMP "O triunfo do saber e saber para triunfar"

Ao curso asisten os 40 estudantes con mellores expedientes no Bacharelato grazas a unha beca concedida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

Lun, 30/07/2012 - 12:16
 Xesús Vázquez Abad inaugura no Pazo de Mariñán, A Coruña, o encontro da UIMP "O
Xesús Vázquez Abad inaugura no Pazo de Mariñán, A Coruña, o encontro da UIMP "O triunfo do saber e saber para triunfar"

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe o encontro O triunfo do saber ou saber para triunfar, organizado pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo no Pazo de Mariñán, na Coruña.

O respaldo da Consellería

Durante a súa intervención o conselleiro fixo referencia aos estudantes que apoiados  pola Consellería teñen unha praza de balde neste encontro, e dirixíndose a eles sinalou que “a Consellería entre os seus obxectivos o de achegar información útil sobre o ensino universitario aos estudantes de bacharelato. Nesta liña, desde hai anos, vimos colaborando coa UIMP na organización de cursos destinados aos estudantes que rematades este ciclo. Sodes corenta, un número que simbolicamente representa para moitas culturas, entre outras cousas, a espera, a preparación e a proba”.

A isto engadiu que “nos próximos meses aconteceranvos importantes cambios, un avance cara a outro orden de acción e de vida que é o que supón a entrada no ensino universitario. Durante esta semana participaredes de sucesivos encontros con homes e mulleres que vos transmitirán experiencias de vida”.

Lograr obxectivos

Respecto do contido de O triunfo do saber ou saber para triunfar que hoxe deu comezo Vázquez Abad asegurou que “aínda que sempre hai que estar orientado á consecución de obxectivos cun fin concreto, penso que hai que incidir máis sobre o proceso que sobre o propio fin, preocupándose de facer ben as cousas día a día, pois a excelencia sempre está en como se fai o camiño non só en chegar á meta”. Ademais recordou a importancia dos cursos desenvolvidos pola UIMP da que dixo que é “unha institución que se achega aos 80 anos de historia e que –se ben medida pola nosa vara do tempo diríase que debera entrar xa na senectude–, a vixencia da súa actividade e a perenne necesidade de educación e de coñecemento, fana estar hoxe en plena forma e continuar a ser un dos grandes referentes europeos na educación estival”. 

No acto de inauguración tamén estiveron presentes o director da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, Paco Sánchez; o director da UIMP en Galicia, Xosé Luis Barreiro Rivas.

Ademais, ao longo da semana o curso, dirixido polo catedrático de Física da Universidade de Santiago, Jorge Mira, contará coa asistencia e intervencións da ministra de Fomento, Ana Pastor; o Valedor do Pobo en funcións, José Julio Fernández; o catedrático de Medicina Legar, Ángel Carracedo; o director de Mediaset, Paolo Vasile e o exminitro de Cultura, César Antonio Molina.