A consellería de Educación modernizou xa vinte currículos de ciclos de formación profesional

O Goberno actual desenvolveu este traballo en só dez meses, mentres que o equipo anterior adaptou só 6 títulos en toda a lexislatura

Xov, 04/03/2010 - 14:37

O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace aos currículos dos ciclos de Instalacións Térmicas e de Fluídos, Fabricación Mecánica e Farmacia e Parafarmacia O Consello da Xunta autorizou hoxe os decretos polos que se establecen os currículos dos títulos de grao superior en Instalacións Térmicas e de Fluídos, e de Fabricación Mecánica; e de grao medio en Farmacia e Parafarmacia. Deste xeito, estes ciclos formativos quedan adaptados aos requerimentos da Lei orgánica de educación (LOE). Con este visto e prace, a Consellería de Educación continúa co proceso de reforma integral da formación profesional que está a levar a cabo, co fin de poñela en valor e elevar o seu recoñecemento social aos niveis dos que goza na contorna europea. De feito, o actual Goberno xa leva adaptado 20 ciclos de FP, fronte aos 6 que modernizou o anterior equipo da consellería en toda a lexislatura. En virtude destes cambios, os currículos dos estudos quedan modificados, e adaptáse o temario da Comunidade Autónoma de Galicia ao Sistema Nacional das Cualificacións Profesionais. 

Inserción laboral

A Xunta de Galicia está a desenvolver unha completa estratexia de impulso da FP, que goza dun probado éxito no tocante ao nivel de empregabilidade dos seus titulados, e que se está a revalorizar como medio de inserción laboral entre os máis novos. A formación profesional está a ser un sistema de oportunidades para a xuventude, xa que ademais dos bos niveis de inserción laboral, os titulados de grao superior poderán acceder á universidade para continuar os seus estudos. Coa modificación dos currículos aprobada hoxe quedan establecidas e delimitados, a identificación do título, o seu perfil profesional, e o contorno profesional en que os estudantes van exercer o seu labor, co que se facilita o acceso ao mundo laboral do alumnado. Ademais, quedan establecidos os obxectivos xerais que o alumnado debe acadar ao finalizar o ciclo formativo e as competencias que deben adquirir os alumnos e as alumnas nun contexto de aprendizaxe en cada módulo, que lles deben permitir conseguir os logros profesionais necesarios para desenvolver as súas funcións con éxito no mundo laboral. Así mesmo, fíxanse os accesos a outros estudos, as validacións, exencións e equivalencias, e a información sobre os requisitos necesarios segundo a lexislación vixente para o exercicio profesional.  

Profesionais mellor cualificados

Para achegar aos estudantes ao mundo laboral, os novos currículos inclúen un módulo de formación en centros de traballo do contorno produtivo do alumnado, de tal modo que complete a formación adquirida no centro educativo mediante a realización de prácticas en situacións reais de traballo do centro. Ademais, os alumnos e alumnas destes ciclos formativos recibirán formación para a prevención de riscos laborais dentro do módulo de formación e orientación laboral, o que lles permitirá obter do certificado de prevención de riscos laborais de nivel básico. Por outra banda, e para fomentar a formación ao longo da vida, quedan determinadas as correspondencias dos módulos profesionais coas unidades de competencia para a súa acreditación, validación ou exención, no caso de profesionais con competencias adquiridas a través da experiencia laboral e outras aprendizaxes non formais. O fin destas modificacións é conseguir uns profesionais cada vez mellor cualificados, de tal forma que os titulados en FP poidan dar resposta ás necesidades do tecido e sectores produtivos galegos.