A Consellería de Cultura e Educación impulsa un modelo diferenciado de Formación Profesional a distancia para favorecer a formación das persoas ao longo da vida

O departamento educativo da Xunta de Galicia puxo en marcha por primeira vez na nosa comunidade estas ensinanzas no curso 2010/2011

En só tres cursos conseguiuse implantar 20 ciclos formativos nesta modalidade, nos que se ofertan 219 módulos

Galicia conta cun modelo propio, que facilita a conciliación dos estudos coa vida laboral e familiar

Dom, 29/07/2012 - 09:32

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pon de manifesto na oferta formativa do curso 2012/2013 a súa aposta pola formación e recualificación das persoas ao longo da vida, a través do impulso dun modelo de Formación Profesional a distancia diferenciado, que facilita a conciliación dos estudos coa vida laboral e familiar.

Cómpre lembrar que foi o actual Goberno galego o que puxo en marcha por primeira vez na nosa comunidade estas ensinanzas, que en tan só tres cursos ofrecen á cidadanía para o 2012/2013 219 módulos en 20 ciclos formativos diferentes, principalmente a través da rede de 17 Centros Integrados de Formación Profesional dependentes da Consellería de Cultura e Educación.

Deste xeito queda de manifesto o compromiso do departamento educativo da Xunta de Galicia co impulso da FP, unha estratexia que vén desenvolvendo ao longo da lexislatura ao considerar estas ensinanzas un sistema de oportunidades, tanto para o acceso dos máis novos ao mercado de traballo, como para que as persoas poidan obter unha certificación que acredite a súa experiencia laboral e lles permita obter, cursando oferta modular, unha titulación oficial.

Trazos propios

A FP a distancia galega conta cun modelo propio e diferenciado, a través dalgúns trazos substanciais que a converten nun sistema moi accesible para que as persoas traballadoras ou que desenvolvan outro tipo de actividades poidan concilialas cos seus estudos. Neste sentido, estas ensinanzas caracterízanse pola flexibilidade, a autoaprendizaxe e a colaboración. Así, ofrécese a posibilidade de combinar as titorías individuais, que se realizan de xeito telemático, coas titorías colectivas, de carácter voluntario. A través destas últimas ofréceselle ao alumnado a posibilidade de realizar actividades de ensino e aprendizaxe presenciais coa intervención directa do profesorado, que serven de apoio para as tarefas que se realicen na plataforma de teleaprendizaxe e para o desenvolvemento dos elementos curriculares do módulo que sexan difíciles de impartir a distancia.

Ademais, a Consellería ten regulado a posibilidade de poder ofrecer as ensinanzas de formación profesional en unidades formativas de menor duración certificables no ámbito da propia comunidade autónoma, concentrando ademais esta formación en determinados períodos do ano, polo que se adaptaría mellor ás necesidades das persoas adultas.

Por outra banda, cómpre salientar que Galicia ten establecido uns criterios de baremación que lle dan prioridade na admisión ás persoas adultas que teñan experiencia laboral, preferentemente no sector produtivo directamente relacionado co ciclo formativo a que pertenza o módulo profesional.

Recursos didácticos

Respecto dos materiais didácticos e recursos tecnolóxicos, Galicia conta con recursos propios que lle permiten poñer en marcha esta modalidade de formación profesional, tales como a plataforma de teleaprendizaxe (PLATEGA). Unha ferramenta de colaboración, comunicación e desenvolvemento das actividades de ensino e aprendizaxe, en liña, programadas para que o alumnado poida alcanzar os resultados de aprendizaxe establecidos nos currículos dos módulos profesionais.

Desta forma, os materiais didácticos ofrécenlle ao alumnado as opcións de interactividade en varios sentidos, cos seus compañeiros, cos formadores así como cos contidos e as actividades do curso.

Rápido crecemento

A FP a distancia implantouse por primeira vez en Galicia no curso 2010/2011, a través do CIFP Ánxel Casal da Coruña, cunha oferta de 13 módulos en 2 ciclos formativos, e de 100 prazas neses ciclos. A oferta para o vindeiro curso 2012/2013 ascende a 219 módulos en 20 ciclos -13 de grao superior e 7 de grao medio-, con 1.450 prazas no conxunto dos ciclos ofrecidos.

Trátase dun crecemento, respecto do curso 2111/2012, do 233% no número de ciclos e do 107% no número de prazas ofertadas, así como do 112% no número de centros a través dos que se poden cursar estas ensinanzas, un total de 17 CIFP e IES. Unha aposta clara de Cultura e Educación non só pola formación das persoas ao longo da vida, senón tamén por achegar a FP ao rural galego, a través dun programa didáctico que non esixe a estas cidadás e cidadáns desprazarse ata as vilas e cidades nas que se imparten estes estudos.