Xesús Vázquez Abad inaugura a mostra de Antonio Tenreiro Brochón, no Museo de Belas Artes da Coruña

A exposición, organizada pola consellería de Cultura e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, inclúe máis de 200 obras entre óleos, debuxos e acuarelas, facendo un percorrido polas distintas etapas do artista

Ao remate desta mostra, o museo coruñés exhibirá unha serie de monografías sobre artistas galegos que hoxe resultan pouco coñecidos para o público.

Ven, 27/07/2012 - 20:30

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe a mostra de Antonio Tenreiro Brochón (A Coruña 1923 -2006) no Museo de Belas Artes da Coruña, unha exposición que acollerá a entidade ata o vindeiro 25 de novembro e que está organizada pola consellería, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Esta exposición monográfica comisariada por Pedro Vasco, inclúe máis de 200 obras entre óleos, debuxos e acuarelas, e fai un percorrido polas distintas etapas da obra pictórica do artista coruñés, un autor que formou parte da mesma xeración que outros artistas herculinos como Labra, Molezún, Lago Rivera ou Mampaso, e que se caracterizou por unha visión poética e intimista do seu entorno. Como afirmou o conselleiro: “Antonio Tenreiro Brochón integrou nas súas obras os referentes artísticos coñecidos, creando unha obra que muda, que evoluciona e que progresa en harmonía co seu creador”.

Unha obra en catro etapas

Os contidos que recolle a obra de Antonio Tenreiro pódense resumir en catro bloques fundamentais. O primeiro deles correspóndese coa súa etapa de formación en Madrid, na que alternou os seus estudos de arquitectura con múltiples viaxes por Europa; ata o seu regreso a Coruña entre os anos 50 e 70, que marca o comezo da súa segunda etapa, máis persoal e caracterizada polo uso dunha paleta escura. A década dos 70 constitúe outro bloque diferenciado na obra do coruñés, moito máis colorista; seguido dunha última etapa, de principios dos 80 ata a súa morte, na que a súa obra adquiriu un ton máis poética e intimista e na que predominaron temas como os interiores, as vistas desde a súa ventá e os bodegóns. Vázquez Abad, referido á organización da mostra, sinalou que “os distintos apartados nos que se estrutura a exposición ofrecen unha completa traxectoria da vida e da obra de Tenreiro, e dan conta dunha transformación non só estilística, senón tamén persoal e física”.

A mostra inaugurada hoxe percorre toda a traxectoria de Tenreiro, en cuxa paleta predominan as cores vermellas, azuis, amarelas e negras, cores coas que debuxou directamente, elixindo sempre obxectos moi simples e comúns e composicións esquemáticas. Ademais, o visitante poderá percibir, en determinadas obras, secuelas do cubismo, e incluso do expresionismo, sempre desde unha visión poética, intimista e delicada, afastada do testemuña social. En palabras do conselleiro: “Tenreiro era un verdadeiro artista, un home que toda a vida recreou a realidade a medida e coa paleta da súa alma, reflectindo tamén un mundo recoñecible e en nada alleo a nós”.

Singularidade e novidade

O Museo de Belas Artes ofrece con esta exposición a oportunidade de descubrir obras que, nalgún casos, se atopan en mans privadas, resultando practicamente inaccesibles para o público. Deste xeito permite afondar no coñecemento e no estudo da vida e a obra do seu autor, un dos máis destacados da pintura galega da súa xeración. Neste sentido cómpre lembrar que este museo constitúe un espazo de difusión do patrimonio moi importante para a cultura galega, non só pola calidade das obras que alberga, senón pola singularidade e novidade que aportan.

Ao remate desta mostra, o museo coruñés porá en marcha a exhibición dunha serie de monografías sobre artistas galegos que hoxe resultan pouco coñecidos para o público. Con elas tentan recuperar e poñer en valor a actividade destes autores por medio do estudo e o análise das súas traxectorias artísticas e vitais.