O conselleiro de Cultura e Educación comproba a evolución das obras de reposición da cuberta do CPI Curros Enríquez, en Pazos de Borbén

Xesús Vázquez Abad visitou o centro educativo do concello pontevedrés, ao que a Consellería vai achegar 5.280 euros para a realización de 36 actividades de loita contra o abandono escolar

Ven, 20/07/2012 - 13:44
Xesús Vázquez Abad visita o CPI Curros Enríquez para comprobar o seu estado tras
Xesús Vázquez Abad visita o CPI Curros Enríquez para comprobar o seu estado tras as obras de mellora

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, comprobou hoxe a evolución das obras de reposición da cuberta do CPI Curros Enríquez, que supoñen un investimento de 148.085 euros por parte do departamento educativo da Xunta de Galicia. Durante o seu percorrido polo centro, no que estivo acompañado polo seu director, José Castro Ameijeiras; e polo xefe territorial da Consellería na provincia, César Pérez Ares; o conselleiro recordou que esta mellora dá conta do compromiso que a Xunta de Galicia ten co mantemento das instalacións dos centros de ensino nas mellores condicións. “Trátase –dixo- dun gran esforzo, se temos en conta a actual situación económica, a prol da comunidade educativa”.

Neste sentido cómpre lembrar que a Consellería leva investido en melloras neste centro – no que estudan 246 alumnas e alumnos- un total de 224.744 euros no que vai de lexislatura, grazas aos que se realizou a reposición do  terrazo, falsos teitos, luminarias e ventás, así como a reparación de humidades; e se está realizando agora a reposición da cuberta.

Vázquez Abad lembrou ademais que neste centro funcionaron xa no curso 2011/2012 dúas aulas Abalar, unha en 5º de Primaria e outra en 1º da ESO que beneficiaron a 34 alumnos, e que supuxo un investimento de 23.440 euros. “O vindeiro curso, ao aplicarse o Abalar por segundo ano consecutivo, duplicarase o número de estudantes beneficiados polo proxecto de integración das novas tecnoloxías da información e a comunicación no ensino”, sinalou. Ademais o centro conta cun kit de aula dixital, no marco do convenio asinado pola consellería e Red.es, composto por un ordenador portátil, un encerado dixital interactivo e un proxector.

Ademais, o departamento educativo da Xunta ten achegado 7.700 euros á biblioteca escolar do centro, para a realización de actividades de fomento do hábito lector entre o seu alumnado, no marco do Plan LÍA 2010/2015 de bibliotecas escolares para a Lectura, a Información, e a Aprendizaxe.

Por outra banda, Vázquez Abad explicou que a Consellería vén de outorgar ao concello de Pazos de Borbén unha axudas de 5.280 euros para o desenvolvemento de actividades de loita contra o fracaso e o abandono escolar. “Deste xeito –explicou- queremos traballar man a man cos entes locais a prol da calidade educativa, seguindo polo bo camiño que nos ten levado a unha taxa de abandono escolar en Galicia do 20,8%, a máis baixa da historia, grazas á redución de 5,2 puntos porcentuais que se produciu no que vai de lexislatura”.

Melloras na cuberta

Coa execución da obra da cuberta estanse a corrixir as filtracións de auga existentes pola falta de impermeabilización así como a antigüidade da mesma e a súa construción en chapa simple de placas nervadas. Para iso, constrúese unha nova estrutura metálica de soporte de cuberta cunha maior pendente sobre a que se colocará a chapa de cubrición definitiva.

Na intervención procédese, entre outras accións, á retirada e desmonte da chapa así como á eliminación da estrutura da cuberta, e a retirada do canlón e baixantes, instalación da novas estrutura cuberta con pendente superior e anterior e con maior aleiro. Ademais realizarase unha limpeza e pintura dos diferentes aleiros, e colocarase un canlón e baixantes novas.