A Consellería de Cultura e Educación colaborará co Concello de Cerdedo na mellora das instalacións do centro cultural

Xesús Vázquez Abad e o alcalde do municipio pontevedrés asinaron hoxe un convenio de colaboración para dotar de mobiliario e equipamento a esta casa da cultura

Ven, 13/07/2012 - 12:30
Xesús Vázquez Abad e oSilvestre José Balseiros Guinarte asinan o convenio de col
Xesús Vázquez Abad e oSilvestre José Balseiros Guinarte asinan o convenio de colaboración

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; e o alcalde de Cerdedo, Silvestre José Balseiros Guinarte, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a mellora das instalacións do Centro Cultural do municipio pontevedrés. Deste xeito, a Consellería contribuirá a dotar de equipamento e mobiliario a esta casa da cultura, no marco do interese da Xunta de Galicia no acondicionamento e equipamento das infraestruturas de carácter sociocultural dos concellos da nosa comunidade.

Ao abeiro deste acordo dotarase ao centro pontevedrés de mesas, cadeiras, sillóns, librerías, andeis e vitrinas para o auditorio, sala de usos múltiples, despachos, biblioteca e zonas infantís. Por outra parte, instalaranse videoproxectores e antenas Wifi e outro material complementario como mostradores ou atrís, entre outros.

Coa sinatura deste convenio, o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad amosa o seu compromiso co labor desenvolvido polos concellos para achegar a cultura á cidadanía galega, a través de espazos como estas casas da cultura, abertas a todos os habitantes da vila, e que serven ademais como lugares de interacción entre os veciños, os visitantes, e os habitantes de concellos próximos.

O Centro Cultural de Cerdedo está composto por tres edificios, que albergan o Museo da Pedra, a Biblioteca e un auditorio con capacidade para 250 persoas. Ademais, o complexo conta con zonas infantís, unha área de despachos e almacén. Grazas ao investimento realizado pola Consellería, o centro mellorará as súas prestacións como espazo que oferta e alberga diferentes actuacións encamiñadas á divulgación, información e promoción da cultura e do noso patrimonio sociocultural a galegas e galegos de todas as idades.