O conselleiro de Cultura e Educación comproba o resultado das obras de rehabilitación levadas a cabo no Liceo de Ourense

Vázquez Abad percorreu as instalacións relativas ao salón nobre e o patio de columnas nos que se investiron 65.500 euros en traballos de mellora

A obra dividiuse en dúas fases que tiveron un orzamento total de preto de 233.000 euros

Mér, 11/07/2012 - 18:21
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou o Liceo Recreativo de Ourense, tralas obras de rehabilitación

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, comprobou hoxe o resultado das obras de rehabilitación levadas a cabo no Liceo Recreativo de Ourense (Pazo dos Oca- Valladares), e coas que se completan a segunda e última fase dos traballos desenvolvidos sobre este importante Ben de Interese Cultural.

Durante a visita ao Liceo o conselleiro destacou a importancia destas melloras que “dotan a este espazo do seu esplendor orixinal, e que non podemos esquecer que é motor de promoción de actividade e da vida cultural en Ourense desde hai máis de 150 anos, e que foi o fogar de intelectuais e creadores ourensáns e galegos dos séculos XIX e XX”.

O Liceo

Así e co obxectivo de que as instalacións volvan a ser un centro de referencia cultural, a Consellería investiu preto de 233.000 euros nos últimos anos nunhas obras que se dividiron en varias fases. A última que se iniciou o pasado mes de maio e xa esta rematada a espera de ser entregada en vindeiras datas. A derradeira etapa de acondicionamento e posta en valor dos espazos relativos ao patio de columnas e o salón nobre, tivo un orzamento de 65.409 euros.

Durante o percorrido polo Liceo o conselleiro recordou que nas citadas zonas “foron pintados os paramentos horizontais e verticais do escenario; no resto do paramentos realizouse un revestimento en tela; recuperouse o zócalo decorativo de madeira preexistente. Tamén foi limpado, empastado e pintado o falso teito; ademais substituíronse as carpinterías que dan acceso á terraza e foi instalado un carril eléctrico no escenario. No salón de columnas realizáronse traballos de pintura e vernizado”.

Tal e como destacou Vázquez Abad ante os medios “esta rehabilitación é unha demostración máis da nosa preocupación por manter e pór en valor o noso patrimonio que non podemos esquecer que é parte da nosa historia e queremos que o siga sendo”.

Catedral de San Martiño

Durante a visita o conselleiro comunicou que en vindeiras datas adxudicaranse as obras no nártex da catedral de San Martiño de Ourense que cun importe de preto aos 50.000 euros, incluíra a primeira fase das obras de restauración no Pórtico do Paraíso relativas ás pinturas murais e sinalou que “unha vez máis a Xunta volve a demostrar o seu interese por conservar e manter o patrimonio cultural tanto da cidade de Ourense, como de toda a comunidade galega”.