Vázquez Abad ratifica que Galicia será a comunidade autónoma coas taxas universitarias máis baixas do estado

O conselleiro de Cultura e Educación sinala que na matriculación os estudantes universitarios poden atopar diferenzas de ata 300 euros respecto de Canarias, segunda autonomía nos prezos de matrícula

Anunciou que este ano haberá 150 centros plurilingües e 2.300 seccións bilingües, para que 50.000 nenos estuden noutros idiomas

Ven, 06/07/2012 - 14:04

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, ratificou hoxe, en declaracións a cadea COPE, que Galicia será a comunidade autónoma coas taxas universidades máis baixas do Estado, quedando as demais a unha distancia considerable.

Unha vez que Canarias decidiu subir nun 40% o prezo das primeiras matrículas Galicia sitúase como a comunidade máis económica, e tal e como sinalou o conselleiro “isto supón unha gran diferenza en favor das familias galegas, xa que suporá entre 150 e 300 euros menos en Galicia, dependendo se estamos falando de estudos nas ramas instrumentais ou non. Iso con respecto a Canarias, que se falamos de outras autonomías, as diferenzas son espectaculares”. Do mesmo xeito cómpre sinalar que o alumnado galego pagará  de media por master ata 2.700 euros menos que en Canarias.

Cómpre destacar que a conxelación de taxas para o vindeiro curso universitario galego é o resultado do traballo realizado desde a Consellería a prol do consenso coas universidades e en beneficio dos estudantes. Así ven acontecendo ao longo deste goberno que xa conxelara as taxas o primeiro ano, e as subiu o mínimo permitido por lei nos seguintes dous cursos, co que Galicia sempre estivo entre as tres comunidades onde resulta máis económico estudar na Universidade.

Traballo conxunto coas universidades

No campo universitario e de cara ao curso que ven Vázquez Abad destacou “como ata o de agora  estase a desenvolver un traballo conxunto entre a Xunta e as universidades” ao que engadiu  “a Xunta aposta pola universidade, a sociedade e as familias galegas, e isto é algo que esta a ser recoñecido polo reitores do Sistema Universitario Galego”.

O conselleiro recordou que “a pesar das dificultades económicas logramos bloquear o orzamento universitario e aprobamos o Plan de Financiamento ata o 2015, e ademais elaboramos un novo decreto de titulacións que centra a oferta dos campus baseándose na especialización o que demostra a aposta da Consellería polo desenvolvemento do I+D”, ao tempo que engadiu que “pola súa banda as universidades intentan dar un enfoque internacional asociado á calidade. Así para o vindeiro curso solicitaron menos masters que en anos anteriores e focalizan os seus esforzos na mellora da calidade, tal e como por exemplo demostra un doutorado que presentou Vigo, que asociado ao Campus Internacional do Mar, é a suma de outros seis doutoramentos”.

Constante mellora educativa

Fora do ámbito universitario o conselleiro recordou todo que o curso que rematou hai uns días descorreu con normalidade e destacou o “agradecemento aos docentes polo traballo que desenvolven todos os días”, do mesmo xeito sinalou a labor que leva a cabo o actual goberno da Xunta coa implantacións de distintos plans de mellora, como o Plan de Potenciación de Linguas, o Proxecto Abalar, ou os Contratos Programa, entre outros.

Así sinalou que “o  Plan de Potenciación de linguas é un proxecto novidoso que agora comezará o terceiro ano, e que se está a consolidar, así este ano os 110 centros plurilingües se incrementaran ata os preto de 150 e o número de seccións bilingües serán preto de 2.300 grazas as máis de 450 que se incorporaran para o curso que ven. Todo isto implicará a 50.000 nenas e nenos galegos, moitos dos cales recibirán ata un terzo das materias nunha terceira lingua, preferentemente o inglés”.

No relativo ao ámbito da Formación Profesional Xesús Vázquez recordou que “Galicia está a dando para potenciar a Formación Profesional. Cómpre recordar que o alto grao de inserción laboral destes estudos fan que a demanda cada vez sexa maior. Así Consellería continúa a apostar pola constante mellora da FP, e xa temos 17 centros integrados, somos a comunidade co maior número destes centros de todo o Estado, e proximamente recibirán a certificación de calidade, algo que so teremos nos. Isto demostrado a nosa aposta por estes estudos. Ademais para dar resposta as demandas das galegas e galegos estamos a incrementar o número de prazas, e o seguiremos a facer. Deste xeito a oferta crecerá por riba do 11% para o vindeiro curso, o que tamén implicará a necesidade de aumentar o número de profesores”.