Cultura e Educación responde co novo ciclo superior de educación e control ambiental ás necesidades de profesionais cualificados na protección do medio e o patrimonio natural galego

O Consello da Xunta deu o visto e prace a este currículo de nova implantación

Xov, 05/07/2012 - 16:02

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no marco da estratexia de posta en valor da formación profesional que vén desenvolvendo, elaborou o currículo do ciclo de grao superior en Educación e Control Ambiental, co fin de dar resposta ás necesidades crecentes de profesionais cualificados na protección do medio e o patrimonio natural de Galicia. O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace ao currículo desta titulación o número 42 dos adaptados no que vai de lexislatura ás exixencias da Lei das cualificacións profesionais e á Lei orgánica de educación. Un título que, o mesmo que os restantes adaptados, inclúe un módulo de formación en centros de traballo co cal os estudantes completarán a formación adquirida no centro educativo mediante a realización de prácticas en situacións reais de traballo no ámbito produtivo da empresa, algo fundamental para a inserción laboral dos titulados.

Con este título, de nova implantación, a Consellería dá resposta ás novas necesidades dos sectores produtivos do forestal - delimitación do solo, ordenación do territorio e planificación das actuacións forestais-, a cartografía - aplicación de novas tecnoloxías no uso de sistemas de información xeográfica (SIX), fotos de satélite ou sistemas de localización por sistemas de posición global (GPS) nos espazos naturais-, e, en xeral, a todas aquelas empresas que están a implantar un sistema de xestión ambiental co fin de mellorar a súa relación co medio e a súa imaxe corporativa.

Por outra banda, estes profesionais poderán desenvolver tarefas de auditoría, inspección e control ambiental, derivadas da aparición de novas técnicas de descontaminación e novos sistemas de medición máis precisos, así como dunha nova lexislación máis exixente nas declaracións de impacto ambiental. Así mesmo, os titulados neste ciclo estarán capacitados para ser responsables dos itinerarios que os centros de educación ambiental van ofrecer para facilitar o coñecemento dos ecosistemas, potenciar a observación, a vivencia da natureza e o estudo do medio natural, e fomentar actividades de convivencia, respecto mutuo e conservación do medio natural e social.

Vixilancia e control

Os titulados neste ciclo de grao superior recibirán formación para desenvolver o seu labor como educadores, informadores, documentalistas e guías ambientais, monitores en educación ambiental, programadores de actividades ambientais ou monitores de campañas ambientais ou da natureza. Ademais, poderán traballar como guía-intérpretes do patrimonio natural, técnicos en control de espazos naturais, axentes ambientais, profesionais dos servizos de xestión ambiental e de ambiente, ou monitores de equipamentos ambientais.

Para iso, o ciclo proporcionaralles competencias para identificar fontes documentais, compilar e difundir a información ambiental; identificar e describir os principais factores que afectan o ambiente e as súas interaccións; deseñar actividades e organizar actividades de educación ambiental, entre outras. Ademais, aprenderán a analizar os compoñentes ambientais e patrimoniais, e identificar os de maior interese desde o punto de vista cultural, paisaxístico e de conservación, para interpretar o patrimonio e os seus valores.

No eido da vixilancia e control do medio, adquirirán competencias para analizar incidencias e seleccionar os protocolos de intervención adecuados para resolver continxencias; seleccionar accións alternativas, analizando o problema ambiental para propor solucións sustentables.

Innovación e calidade

O currículo hoxe aprobado pon a atención, por outra banda, na análise das oportunidades de aprendizaxe relacionadas coa evolución científica, tecnolóxica e organizativa do sector, e as tecnoloxías da información e a comunicación, para manter o espírito de actualización e adaptarse a novas situacións laborais e persoais.

Deste xeito foméntase o desenvolvemento da creatividade e o espírito de innovación, neste campo. Ao mesmo tempo, búscase promover entre os futuros profesionais a cultura da avaliación e a da calidade, polo que o ciclo ten uns contidos que lles permitirán identificar e aplicar parámetros de calidade nos traballos e nas actividades realizadas no proceso de aprendizaxe, para ser quen de supervisar e mellorar procedementos.

Menús News node R