A día de hoxe, a Consellería ten habilitadas 14 novas unidades en Ourense, 9 máis ca no curso pasado

Carballeda de Avia agrupa os seus 49 alumnos en tres aulas, sen superar os 18 por clase; e Nogueira contará con dúas unidades novas

Mar, 03/07/2012 - 14:16

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicará proximamente no Diario Oficial de Galicia (DOG) as modificacións definitivas de unidades escolares de catalogo para o próximo curso, variacións que a día de hoxe supoñen que, na provincia de Ourense se habilitarán 14 unidades, nove máis ca no pasado curso, o que rebaixa substancialmente –e aínda poden producirse máis cambios- as cifras que de maneira demagóxica difunden determinadas organizacións.

Ao mesmo tempo que anuncia a supresión definitiva dunha unidade en Carballeda de Avia, a Consellería informa de que en Nogueira de Ramuín se habilitarán dúas unidades novas, unha en infantil e outra en primaria. En ambos casos respéctase o máximo de 18 alumnos agrupados por aula, o que en Carballeda significa prescindir de unha unidade e en Nogueira habilitar dúas.

Cómpre sinalar que no CEIP Pena Corneira de Carballeda de Avia está previsto agrupar nunha aula de infantil a 14 nenos (xa estaban agrupados 17 este curso), mentres que en primaria se agruparán 18 nenos -de 1º a 3º de primaria- nunha aula, e 17 de 4º,5º e 6º de primaria en outra. Para estes 49 alumnos haberá 5 profesores no centro, respecto dos 7 que había este curso. É dicir, que non se superan os 18 alumnos que, tal e como se comprometeu a Consellería, serán os máximos por aula agrupada.

En relación coa decisión dos pais de pecharse no centro, utilizando mesmo aos nenos, a Consellería lamenta que a acción se desenvolvera sen autorización e en ausencia de calquera representante da dirección do centro.

Polo demais, Educación quere lembrar que, na actual situación de crise, grazas aos agrupamentos, moitos centros poden garantir a súa continuidade sen teren que adoptar medidas máis rigorosas.