O conselleiro de Educación anunciou as futuras obras de reforma do IES Eusebio da Guarda, na Coruña

Xesús Vázquez visitou as instalacións do centro, e do CEIP Zalaeta onde se realizará unha ampliación

Mar, 02/03/2010 - 13:16

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe de mañá o IES Eusebio da Guarda e o CEIP Zalaeta, na Coruña, onde anunciou as reformas que se realizarán en ambos centros nas vindeiras datas.

O conselleiro fixo público o compromiso da Consellería para a realización da reforma do IES Eusebio da Guarda, unhas obras valoradas en sete millóns de euros que darán comezo en 2012. As obras consistirán na rehabilitación integral do edifico histórico, adaptándose á normativa vixente e contribuíndo ao mantemento dunha construción emblemática para A Coruña.

A isto engádeselle a remodelación da fachada posterior do edificio -a que afecta á rúa Adelaida Muro e que mira para a praia de Riazor-, o que significará a adecuación das aulas e os espazos comúns como o ximnasio, que na actualidade non reúne as condicións precisas para dar resposta aos estudantes e ao corpo docente do IES Eusebio da Guarda.

Deste modo as obras non só afectarán á fachada, senón que tamén mellorarán ás aulas dos estudantes de educación secundaria, bacharelato e ciclos formativos, con renovadas instalacións para os obradoiros de tecnoloxías, as aulas de música, informática, plástica e o laboratorio de ciencias experimentais. As reformas tamén afectarán ao ciclo superior de Información Turística e Axencia de Viaxes.

Entre as melloras se incluirán as relativas a espazos comúns como os seminarios, biblioteca, ximnasio, vestiarios e aseos, así como as dependencias dos administrativos e persoal docente que traballa no IES Eusebio da Guarda. A todo isto hai que engadir as obras da cafetería e os espazos de limpeza, comedor, cociña e anexos.

Educación comezou os trámites para as futuras obras e xa remitiu ao concello da Coruña toda a documentación para que este conceda os permisos para a tramitación da concesión da licenza. Unha vez que estea o permiso comezaran os estudos arqueolóxicos, e posteriormente licitarase a redacción do proxecto de execución. Tal e como recordou Vázquez Abad, “é un ambicioso proxecto que precisa duns prazos moi longos pero que darán como resultado a mellora dun centro educativo con historia na cidade de Hércules”.

CEIP Zalaeta

Vázquez Abad tamén percorreu as instalacións do CEIP Zalaeta, no que se comprometeu a realizar unhas obras de ampliación para adaptar as antigas dependencias de Educación Infantil aos actuais alumnos e alumnas de Primaria que tamén están a cursar os seus estudos neste centro escolar.

En total as obras, cun custe de 950.000 euros e previstas para o ano que ven, afectarán a preto de 600 metros cadrados, nos que se inclúen a mellora da accesibilidade e a incorporación dun ascensor exterior. Ademais, realizárase a adecuación de espazos exteriores e do edificio existente, unhas reformas nas que se inclúe o cambio de ventás e persianas.

Todas estas melloras foron valoradas polo conselleiro, que declarou ante os medios que “estamos a adaptarnos á nova situación que vive a zona. Deste modo respondemos a unha demanda natural do crecemento dos estudantes, dando cabida a máis alumnos e alumnas que contarán cunhas instalacións correspondentes ás súas necesidades educativas”.

Ao longo do percorrido polos dous centros escolares Vázquez Abad estivo acompañado polo delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Diego Calvo; e pola xefa territorial de Educación, María Teresa Villaverde.