A Consellería de Cultura e Educación vai reorganizar as unidades nos centros de ensino de infantil e primaria para acadar un uso máis eficiente dos recursos educativos

Trátase dunha práctica habitual que veñen desenvolvendo polo menos os tres últimos gobernos da Xunta antes do inicio do curso

O vindeiro curso haberá 86 novas unidades en centros con alta matrícula para dar resposta ás necesidades de escolarización de zonas moi poboadas

Así, o saldo final entra as novas unidades e as suprimidas en toda Galicia será de 70 unidades menos

Agrúpanse alumnos ata un máximo de 18 para axustar o número de unidades en centros con poucos estudantes garantindo a calidade do ensino

Mér, 27/06/2012 - 19:45

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a reorganizar as unidades de educación infantil e primaria en centros de ensino públicos co fin de acadar un uso máis eficiente dos recursos educativos de cara ao vindeiro curso 2012/2013. Para isto, o departamento educativo da Xunta de Galicia está a crear novas unidades – grupos de clase- en colexios que contan cunha alta matrícula, dando así resposta ás necesidades de escolarización de zonas con alta poboación. O saldo final entre as unidades creadas e as suprimidas será de 70 unidades menos que o curso anterior.

Deste xeito a Consellería, con 86 novas unidades, materializa as demandas da comunidade educativa. Delas, 51 serán de creación definitiva, mentres que outras 35 serán unidades habilitadas. No caso destas últimas, trátase de aulas que responden a determinadas situacións puntuais de incremento do alumnado, grupos de clase igualmente dotados co profesorado que - segundo os casos- lle corresponda.

Por provincias, destaca A Coruña, con 42 novas unidades. En Lugo serán 15 as unidades novas, Ourense terá 2 novas unidades, mentres que en Pontevedra serán un total de 27 novas unidades.

Por outra banda, e sempre dentro do seu compromiso coa escola do rural e coa calidade do ensino, a Inspección Educativa está a agrupar a alumnas e alumnos ata un máximo de 18 en centros con pouca matrícula. O obxectivo é axustar o número de unidades ás necesidades do alumnado e da comunidade escolar de cada centro, seguindo un criterio de análise individualizado, caso a caso, para cada colexio e aula. Así, o vindeiro curso A Coruña contará con 56 unidades menos, axuste que será de 28 na provincia de Lugo; 37 en Ourense; e 35 en Pontevedra. Neste sentido cómpre lembrar que este é o criterio xa utilizado polo menos nos tres últimos gobernos da Xunta, sendo, ademais, unha práctica que se fai en todo o Estado. O saldo final entre as novas unidades e as suprimidas en toda Galicia será de 70 unidades menos.

A reorganización supón unha aposta do departamento educativo da Xunta de Galicia polo uso eficiente dos recursos educativos nun momento de crise, continuando coas liñas de actuación seguidas nesta lexislatura pola actual Consellería, e que permitiron afrontar o escenario de axuste cunha maior flexibilidade. Cómpre lembrar que, grazas á boa xestión destes tres anos, non será necesario incrementar a ratio de alumnos por aula, poderanse seguir ofertando polo menos dúas modalidades de bacharelato en cada centro de ensino secundario, e pódese optar pola conxelación das taxas universitarias de primeira matrícula.

Profesorado

O profesorado afectado pola reorganización de unidades do catálogo, que deixa un saldo máximo –que podería reducirse aínda máis- de 120 postos docentes menos, poderá optar a desenvolver o seu labor profesional nalgún dos 64 postos docentes creados pola constitución das novas unidades; a desenvolver o seu labor docente nas 33 novas unidades habilitadas; ou a ocupar postos vacantes producidos por xubilacións.

A Consellería quere salientar finalmente que estes datos, facilitados oficialmente a día de hoxe para evitar a confusión que poden causar na sociedade determinadas informacións interesadas e difundidas desde algunhas organizacións, son aínda provisionais. Os datos finais, que poderían incluír mínimas modificacións, serán publicados no Diario Oficial de Galicia (DOG) nas vindeiras semanas.