Cultura e Educación difunde o legado de Celso Emilio Ferreiro na provincia de Lugo cunha campaña nas rúas que levan o nome do escritor

Co obxectivo de favorecer un maior coñecemento da súa vida e da súa obra, a Consellería distribuíu hoxe material con información sobre o poeta en fogares de Sarria, Monforte, Burela, Lugo, O Saviñao e Viveiro

A iniciativa foi presentada esta mañá en Burela, coa colaboración do IES Perdouro, do Concello e dos veciños e veciñas do lugar

Mér, 27/06/2012 - 14:05
Cultura e Educación difunde o legado de Celso Emilio Ferreiro na provincia de Lu
Cultura e Educación difunde o legado de Celso Emilio Ferreiro na provincia de Lugo cunha campaña nas rúas que levan o nome do escritor

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria puxo hoxe en marcha a campaña Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro na provincia de Lugo, unha iniciativa que ten como obxectivo difundir e poñer en valor o legado do escritor entre os veciños e veciñas que residen nalgunha das 28 rúas que en Galicia levan o seu nome.

A través da distribución de material sobre a vida e a obra do autor, a Consellería levou hoxe esta iniciativa aos fogares das rúas que levan o nome de Celso Emilio Ferreiro na provincia lucense, concretamente nas localidades de Sarria, Monforte, Lugo, O Saviñao, Viveiro e Burela. Este último concello foi o escenario da acto de presentación da campaña, que contou coa proxección de videopoemas de Celso Emilio Ferreiro no IES Perdouro, cun paseo literario polas rúas e, finalmente, cun recitado poético na praza do Concello.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou en Burela que “sendo como é Celso Emilio Ferreiro un poeta popular, ao que moitos se teñen referido como a voz do pobo, consideramos que o  axeitado era programar actividades que lle achegasen á cidadanía a súa figura e legado fóra dos circuítos habituais da información cultural”. Respecto da participación de dos veciños e veciñas de Burela no acto tamén destacou que a localidade é un punto de encontro de xentes e identidades diversas, capaz de convivir e de valorar a riqueza da diversidade de culturas e expresións”.

Nos actos tamén participaron o alcalde de Burela, José González; o xefe territorial da Consellería de Cultura e Educación en Lugo, Xosé Ramos; alumnado e profesorado do IES Perdouro, e veciños e veciñas do lugar.

As actividades

Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro desenvólvese a través da distribución nos fogares da rúa que leva o nome do escritor folletos con información detallada da súa vida e da súa obra, en formatos diferentes e entretidos, e con contidos de interese para toda a cidadanía.

Cómpre recordar que a distribución do material desta campaña comezou nas rúas da provincia de Ourense no mes de abril e achegoulles o legado de Celso Emilio Ferreiro aos veciños do Carballiño, de Celanova, de Ourense, de Ribadavia e de Xinzo de Limia.

No mes de setembro, o percorrido proseguirá pola provincia de Pontevedra, nas rúas de Vilagarcía de Arousa, Cambados, Pontevedra, Nigrán e Vigo. Finalmente, a itinerancia por toda Galicia completarase en outubro nos fogares de Culleredo, Oleiros, Ares, Mugardos, Narón, Ferrol, As Pontes de García Rodríguez, Arteixo, Carballo, Cerceda, Santiago de Compostela e Ribeira, na provincia da Coruña.