Cultura e Educación concede a Moaña os estudos dos ciclos medio e superior de atletismo en Moaña, e unha sección oficial de inglés en Redondela

O director xeral de Educación visitou hoxe as instalacións que acollerán ambos estudos, cos que a administración responde as demandas dos concellos pontevedreses

Mar, 26/06/2012 - 13:48
O director xeral de Educación visitou hoxe as instalacións que acollerán ambos e
O director xeral de Educación visitou hoxe as instalacións que acollerán ambos estudos, cos que a administración responde as demandas dos concellos pontevedreses

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ven de conceder ao IES As Barxas, en Moaña, o curso de ensinanzas deportivas de grao medio e superior en Atletismo, e ao IES Pedro Floriani de Redondela unha sección da escola oficial de idiomas. Deste xeito a administración autonómica responde as demandas que tiña de ambos concellos pontevedrés.

Na xornada de hoxe o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, acompañado polo xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez, visitaron ambos institutos e percorreron as instalacións que desde setembro acolleran os respectivos cursos.

Durante a visita ao IES As Barxas, o director xeral de Educación estivo acompañado polo director do centro, Carlos Chapela Otero. Con este novo grao medio e superior de atletismo o centro completa a oferta para os estudantes do concello e comarca.

Sección oficial de inglés

Posteriormente Manuel Corredoira xunto co xefe territorial estiveron no IES Pedro Floriani. Unha visita na que estiveron acompañados polo director do centro, Francisco Souto Salgado, que desde setembro contará cunha sección dependente da Escola Oficial de Idiomas de Vigo, á que está adscrita, na que se impartirán ensinanzas de inglés. A oferta inicial prevista inclúe tres grupos de 1º de nivel básico e catro de 1º de nivel intermedio.

Respecto da oferta do IES Pedro Floriani persoas interesadas en matricularse nestes cursos terán que realizar unha preinscrición en Internet entre o 27 de xuño e o 12 de xullo (Básico 1) ou o 27 de xuño e o 12 de setembro (Intermedio 1). Poderán atopar toda a información sobre a preinscrición e matrícula na páxina web da EOI de Vigo, http://www.eoidevigo.org

Durante a visita e en declaracións aos presentes o director xeral tamén sinalou que no mesmo concello de Redondela, en concreto no IES Chapela se incrementarán, para o vindeiro curso, a oferta en réxime da adultos coa incorporación do ciclo formativo de Farmacia e Parafarmacia.