Cultura e Educación participa na entrega do II Premio MOME de teatro Varela Buxán

O secretario xeral de Política Lingüística asistiu hoxe á entrega do premio da segunda edición deste certame, impulsado polo Museo do Moble e da Madeira da Estrada en colaboración coa consellería dirixida por Vázquez Abad

O escritor Xosé Lois García recibiu o premio pola obra teatral “A cerna”

Dom, 24/06/2012 - 12:00
Valentín García na entrega do II Premio MOME de Teatro Varela Buxán, concedido a
Valentín García na entrega do II Premio MOME de Teatro Varela Buxán, concedido ao escritor chantadino Xosé Lois García pola obra "A cerna"

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na entrega do II Premio MOME de Teatro Varela Buxán, celebrado no marco das festas estradenses de San Paio. O galardón foille concedido nesta ocasión ao escritor chantadino Xosé Lois García, pola obra A cerna. O certame, impulsado polo Museo do Moble e da Madeira da Estrada (MOME) conta coa colaboración de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e coa do Concello da Estrada.

O Premio ten como obxectivos principais preseverar no cultivo da lingua galega como sinal de identificación e diferenciación de Galicia e principal patrimonio cultural. Así mesmo, contribúe á difusión do teatro galego e á divulgación da vida e da obra do dramaturgo estradense Manuel Daniel Varela Buxán.

No acto, que tivo lugar nos Xardíns Municipais, o secretario xeral destacou “a relevancia do papel normalizador do teatro” e “o firme compromiso de todos axentes implicados no ámbito teatral galego coa nosa lingua propia”. “Autores, actores e, en xeral, profesionais do teatro e das artes escénicas son algúns dos axentes dinamizadores máis efectivos que ten a lingua galega para achegarse á sociedade. A todos eles e, nomeadamente aos nosos dramaturgos en galego, debemos recoñecerlles a súa contribución ao prestixio e á difusión da lingua de noso”. García Gómez tamén tivo unhas palabras de lembranza para o estradense Manuel Varela Buxán, principal dramaturgo do teatro galego da diáspora e padriño póstumo do certame: “A Estrada foi berce de quen xa quedou na historia do teatro galego como o Patriarca”.

Pola súa banda, o xurado, conformado polo mestre e escritor Olimpio Arca, pola profesora Rocío Calviño, polo escritor e investigador Héitor Picallo e polo xerente do Mome, Xosé Luna destacou d’A cerna “o amplo e preciso emprego do léxico e de estruturas sintácticas singulares”. Tamén estivo presente o alcalde estradense, José López Campos.

A obra e o autor premiado

A obra dramática A cerna, da autoría de Xosé Lois García, toma como base a temática ecoloxista ao longo do cento de páxinas que conforman a obra en tres actos, para artellar un discurso en favor da natureza. Varias voces argumentan razóns na súa defensa e en contra nunha peza que evoca diferentes autores galegos inspirados nela (desde Rosalía de Castro ata Uxío Novoneyra pasando por Eduardo Pondal ou incluso por Wenceslao Fernández Flórez). A madeira constitúe a cerna e, á súa vez, é metáfora da permanencia e da vida.

Xosé Lois García Fernández naceu en 1945 e medrou en Chantada, aínda que se trasladou aos 20 anos a Barcelona,  en cuxa universidade estudou Filosofía e Letras e Chantada, municipio onde se criou. O autor conta con máis de corenta obras literarias no seu haber, entre ensaios, poesía, literatura infantil e xuvenil, así como varias edicións e obras colectivas.

García Fernández recibiu unha escultura en madeira do escultor Manuel Fragoso, un diploma acreditativo e 1.000 €.

Menús News node R