O conselleiro de Cultura e Educación visita o IES Carlos Casares e Santa Irene de Vigo
Xesús Vázquez Abad entregou os premios do concurso ‘O monte é a nosa vida’ no Carlos Casares, onde salientou o mérito dos estudantes por terse implicado, coa súa participación neste certame, na defensa do medio ambiente
Posteriormente, inaugurou o novo sistema de calefacción do IES Santa Irene
O conselleiro de Cultura e Educación visita o IES Carlos Casares e Santa Irene de Vigo
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, entregou hoxe no IES Carlos Casares, de Vigo, os premios do concurso ‘O monte é a nosa vida’, impulsado pola Confederación Galega de Empresarios da Madeira (Confemadera), e que conta co apoio do departamento educativo da Xunta de Galicia.
Neste acto recibiron os seus galardóns Candela Lora (1º da ESO do IES Carlos Casares), como 1º premio da categoría individual; Marta Perdiz (3º da ESO do Colexio Compañía de María, de Vigo), 2º premio; e Iago Seara (1º da ESO do IES Carlos Casares), como 3º clasificado. Na categoría grupal o premio foi para a clase de 3º de ESO do instituto no que se celebrou este acto.
Durante a súa intervención, o conselleiro felicitou a todos os participantes no certame polas súas “propostas creativas e diferentes”. Vázquez Abad destacou o labor dos docentes “que vos guían e vos apoian, participando das vosas expectativas e preocupacións”. Neste sentido, recordou que a Consellería coñece a importancia de concienciar aos máis novos no coidado do medio ambiente nos centros de ensino de toda Galicia. “Pertencedes –dixo- a unha xeración que medrou sabendo que o medio ambiente está ameazado”. “É mérito voso, dos estudantes, implicarvos máis alá das vosas obrigas lectivas, seguros de que para acadar o mundo mellor polo que loitades, é preciso traballar sen desfalecer e confiando en acadalo algún día”, engadiu. No acto, ademais do conselleiro, interviu o presidente de Confemadera, Elier Ojea.
O monte é a nosa vida, chegou este curso á súa sexta edición, promocionando a posta en valor do monte galego entre os máis pequenos, dende as perspectivas social, medio ambiental e económica. Na edición de 2012 do concurso participaron 31 colexios de toda Galicia que presentaron cerca de 400 traballos.
Visita ao centro
O conselleiro aproveitou a súa visita para coñecer de primeira man os intereses e necesidades das comunidade educativa do centro. Acompañado polo director do centro, Carlos Bartolomé Herranz; e polo xefe territorial da Consellería na provincia de Pontevedra, César Pérez Ares; visitou a biblioteca do centro, que está inserida no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares desde o curso 2009/2010. Así, leva recibido 20.470 euros, no marco do Plan LÍA 2010/2015 de bibliotecas escolares para a Lectura, a Información, e a Aprendizaxe, para a mellora das súas instalacións e fondos, así como para a realización de actividades de fomento do hábito lector entre os 525 alumnas e alumnos do instituto.
Ademais, o conselleiro puido comprobar o funcionamento das dúas aulas dixitais coas que conta o centro, ao abeiro do convenio asinado entre o departamento educativo da Xunta de Galicia e a entidade Red.es. Neste sentido, recordou o compromiso que o departamento que dirixe mantén con este centro, e que se manifesta en investimentos como o realizado para a substitución das tubaxes do circuíto de calefacción.
IES Santa Irene
Posteriormente o conselleiro visitou o IES Santa Irene, onde inaugurou a nova sala de caldeiras, tras a reforma para a que a Consellería achegou preto de 59.000 euros.
Con este investimento substituíuse a caldeira existente por outra nova acorde coas esixencias actuais e as necesidades do centro; así como a substitución da cheminea de obra por outra de aceiro inoxidable de parede dupla. Tamén se desenvolveron traballos de limpeza e inertizado do tanque de gasóleo existente para a súa substitución por outra nova instalación de mantemento. Ademais reformouse a regulación automática da calefacción, a instalación eléctrica, e fíxose unha reforma integral do circuíto hidráulico na sala de caldeiras.