Vázquez Abad asina o convenio de apoio aos investigadores galegos recoñecidos coas axudas europeas Starting Grants e Consolider

A través desta colaboración a Consellería de Cultura e Educación continúa a respaldar o prestixio e a excelencia na investigación no Sistema Universitario de Galicia

Ata o 2014 distribuiranse 820.000 euros entre os cinco investigadores líderes da Universidade de Santiago e un da UVigo

Mar, 19/06/2012 - 12:30
Vázquez Abad asinou o convenio co reitor da Universidade de Santiago
Vázquez Abad asinou o convenio co reitor da Universidade de Santiago

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asinou hoxe un convenio de apoio a investigadores da Universidade de Santiago e de Vigo como complemento das axudas que reciben os líderes dos programas Starting Grants e Consolider.

No documento asinado, hoxe en San Caetano, co reitor de Santiago, Juan Casares Long, e que en breve tamén será subscrito polo da UVigo, Salustiano Mato; ven a consolidar o labor que se está a desenvolver desde a Xunta a prol do prestixio e a excelencia no campo investigador.

No texto queda reflectido que os beneficiados destas axudas terán un orzamento de 820.000 euros a distribuír ata o 2014 con 320.000 euros este ano, e 250.000 para o vindeiro e o seguinte. Cada un dos líderes das Starting Grants recibirán axudas anuais de 50.000 euros durante tres anos, mentres que para o líder do Consolider será de 70.000 euros durante un ano.

Os líderes

Cómpre recordar que os líderes de ditos programas, que foron recibidos hoxe pola mañá polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, son pola UVigo David Posada González do grupo de investigación Xenética de Poboacións do departamento Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía.

Pola USC os líderes que se beneficiaran deste convenio serán Francisco Rivadulla Fernández, do grupo de investigación Magnetismo e Nanotecnoloxía, NANOMAG; Rubén Nogueiras Pozo, de metabolismo Molecular, adscrito ao Instituto de Investigación Sanitaria; Miguel López Pérez, do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas; e Carlos Salgado López do grupo de investigación Física de Altas Enerxías.

E, como líder dos Consolider recoñecese a Juan M. Lema Rodicio que lidera o proxecto NOVEDAR cuxo propósito é minimizar o consumo enerxético e aplicar novos procesos para a solución de problemas ambientais.

Reforzo da excelencia

O Convenio que se asina supón un reforzo nos ámbitos de excelencia das políticas de investigación no seo do SUG. A Xunta de Galicia demostra unha vez máis o seu compromiso coa liña de apoio en materia de investigación ás Universidades Galegas como o evidencia o importante peso que estas actuacións teñen no Plano de Financiamento do Sistema Universitario.

En concreto, e a través do programa de Investigación universitaria se xestionan durante esta anualidade de 2012  un total de 49 millóns de euros, co que se están a potenciar os programas de recursos humanos; apoio a grupos de investigación; e de accións singulares.

Os programas

Cómpre salientar que o programa Starting Grants pertence ao Consello Europeo de Investigación (ERC) e esta destinado a axudar á creación de grupos de investigación independentes para xoves investigadores que desenvolvan ideas na fronteira do coñecemento.

Mentres que, pola súa banda o programa Consolider- Ingenio 2010 (do VI Plan Nacional de Investigación Científica do Ministerio de Economía y Competitividad), consiste nun conxunto de accións de fomento e consolidación da I+D, dirixidas a equipos de investigación españois de máxima calidade e recoñecemento internacional.