A Consellería de Cultura e Educación garante a cobertura das necesidades educativas de todos os centros públicos na constitución de unidades de infantil e primaria

A Inspección Educativa analiza as circunstancias particulares de cada colexio para conformar as aulas

Así, os agrupamentos realizaranse de acordo ao mesmo procedemento que se seguía na anterior lexislatura

Mér, 13/06/2012 - 19:01

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Inspección Educativa, está a traballar para constituír as unidades de infantil e primaria de cara ao vindeiro curso académico 2012/2013. Neste momento, cos datos provisionais de matriculación que están dispoñibles, a Inspección está a analizar centro por centro as necesidades educativas particulares, tendo en conta o alumnado e o profesorado co que conta. O obxectivo é garantir que o número de unidades que se constitúan garantan a calidade do ensino en todos os colexios de Galicia.

A propia Consellería reuniu, no seu momento, á comisión de seguimento do Preacordo sobre os agrupamentos do alumnado de educación infantil e primaria para os efectos de constitución de unidades para comunicarlle que, obrigada polo Real Decreto-Lei 8/2010, do 20 de maio, polo que o anterior goberno central do PSOE adoptaba  medidas extraordinarias para a redución do gasto público, tiña que diferir a aplicación do preacordo. Deste xeito, volveuse á situación anterior a 2009, na que tamén os agrupamentos se levaban a cabo en función das circunstancias de cada centro.

Deste xeito, e tal e como xa se explicou en comisión parlamentaria, mentres a situación económica non permita aplicar o preacordo, o que se está a facer é volver á situación anterior. Neste contexto, a Consellería está a valorar a situación particular de cada centro educativo para dar resposta ás súas necesidades garantindo a calidade do ensino, ao tempo que se busca a maior eficiencia na xestión dos centros educativos públicos.

Cómpre lembrar que Galicia conta cunha das ratios máis baixas do Estado de alumnos por aula. A este respecto, a Consellería tense comprometido a non modificar o número máximo de estudantes en cada clase, grazas á flexibilidade que a boa xestión realizada no que vai de lexislatura lle permite diante dos axustes que si teñen que realizar en outras comunidades.