Política lingüística potencia a colaboración coas universidades para desenvolver novas iniciativas de fomento da lingua galega

Anxo Lorenzo reuniuse esta mañá con representantes da Universidade de Santiago de Compostela para afondar nas actividades de formación e de dinamización do uso de galego que desenvolverán este ano

Ven, 26/02/2010 - 17:21
Anxo Lorenzo con representantes da Universidade de Santiago de Compostela
Anxo Lorenzo con representantes da Universidade de Santiago de Compostela

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria está a afondar na súa colaboración coas universidades galegas para darlle un novo impulso á lingua galega neste ámbito. O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, reuniuse esta mañá coa secretaria xeral da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Isabel García-Rodeja, e co responsable do servizo de normalización lingüística, Manuel Núñez Singala, co obxectivo de afondar nas novas iniciativas de fomento do galego previstas para este ano 2010.

Política Lingüística vén colaborando coas tres universidades galegas no desenvolvemento de actividades que inciden especialmente no ámbito da formación. Así, ao longo de 2009, a secretaría xeral ofreceu, a través de marco de cooperación coas universidades, 46 cursos de lingua galega dirixidos a máis de 700 alumnos, profesores e PAS. A dita formación diversificouse en cursos para alumnado non galegofalante, cursos de elaboración de unidades didácticas, de expresión oral en galego, de preparación dos Celga e de linguaxe administrativa, entre outros.

A realización de campañas de dinamización do uso do galego, a organización de conferencias, xornadas e premios literarios ou a edición de diverso material sobre esta lingua, como vocabularios e glosarios, son outras das actividades que se levan a cabo dentro deste marco de cooperación.

O galego no ámbito universitario

A través da colaboración coas universidades, a Secretaría Xeral de Política Lingüística ten como obxectivo prioritario seguir impulsando a presenza da lingua galega neste ámbito. Segundo os últimos datos do Observatorio da Lingua Galega, o índice de normalización lingüística (INL) que se rexistra no ensino universitario acada o 71,98, o que, situado nunha escala de 0 a 100, amosa un nivel medio-alto.

En todos os valores que se teñen en conta para calcular o INL –imaxe e rotulación, adecuación lingüística
do persoal, criterios nos usos lingüísticos e documentación e comunicación externa e interna– manéxanse índices superiores a 50, o que indica que existe un nivel medio de normalización en todos estes aspectos

Menús News node R

Colectivo

Ensinanza