O conselleiro de Cultura e Educación clausura a XXXVII Edición da Feira do Libro de Ourense

No acto, desenvolvido na Alameda, Xesús Vázquez Abad estivo acompañado polo presidente da Federación de Libreiros de Galicia e presidenta da agrupación de Ourense

Mér, 06/06/2012 - 20:00

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, clausurou hoxe pola tarde a XXXVII edición da Feira do Libro que desde o pasado venres se estivo a celebrar na Alameda da cidade das Burgas.

Durante o acto de peche tamén estiveron presentes os presidentes da Federación de Libreiros de Galicia e de Ourense, Xurxo Patiño e Pilar Rodríguez respectivamente, así como a directora xeral de Promoción do Emprego, Amparo González.

Na súa intervención o conselleiro destacou que “como sabedes, ademais de con materiais e con persoas, unha cidade tamén se constrúe con palabras –palabras sólidas, resistentes ao paso do tempo–, isto é, con literatura e con relato histórico. Cidades imaxinarias como Ersilia ou Baucis, cidades míticas como Cíbola, e mesmo cidades reais como Ourense fanse meirandes –e, definitivamente tamén, máis reais e vixentes–, grazas a forza creadora da palabra, da lenda e do mito. Grazas a esa literatura, que nos fala dos lugares que habitamos e dos lugares que soñamos habitar, as cidades cunha gran tradición literaria como é Ourense están máis vivas e máis presentes na nosa vida cotiá, cimentando así no corazón das xentes un sentimento de pertenza, de respectuosa identidade e tamén, porque non, de orgullo”.

Promoción do libro

Centrándose na XXXVII edición deste encontro, Vázquez Abad asegurou que “dentro das políticas de promoción das nosas letras e do libro galego, é preciso que as feiras recuperen un papel destacado no ineludible encontro entre o libro e os lectores, propoñendo a lectura como actividade de recreo, como gran alternativa para o noso tempo de lecer”.

Do mesmo xeito engadiu que “cómpre abordar de xeito cooperativo solucións para que uns elementos fundamentais para achegar os libros á poboación e acadar novos lectores e novos públicos –como son as feiras–, collan de novo pulo para coadxuvar a un mellor futuro para as nosas industrias gráficas e do libro galego”. Finalmente recordou que “un libro e unha literatura que, por certo, en calidade e atractivo resultan equiparables ás de calquera outro territorio”.

Os máis vendidos

Con este acto quedou pechada a feira do libro de Ourense, que durante a semana que estivo aberta tivo como libros máis vendidos en lingua galega, As fiandeiras, de Antonio Piñeiro (Editorial Galaxia); Os fillos do mar, de Pedro Feijoo (Xerais) e A cociña de larpeiros (Galaxia). Entre os máis cativos destaca a colección Descubre…, de Edicións A Nosa Terra.

En castelán sobresaen El abuelo que saltó por la ventana y se largó, de Jonas Jonasson (Salamandra); Las horas oscuras, de Juan Francisco Fernández (Grijalbo); e El enredo de la bolsa y la vida, de Eduardo Mendoza (Seix Barrall). A colección de Gerónimo Stilton é a preferida polos pícaros. Se nos achegamos ao cómic, debemos salientar Humor cristiano (Ed. Caramba) e Pobre cabrón (Ed. Cúpula).

A última actividade da Feira do libro en Ourense, desenvolveráse hoxe a partir das nove da noite coa sesión Enogastrofonías Ferreirianas, un espectáculo que fai un percorrido pola obra de Celso Emilio Ferriero a través da poesía e o viño do Ribeiro, maridado con minigaleguesas. Ademais tamén se presentará o monográfico da Revista Arraianos Celso Emilio Ferreiro fai 100 anos.