Educación e sanidade asinaron cos reitores das tres universidades galegas o acordo relativo a docencia médica

O Profesor Colaborador Docente será persoal do SERGAS e exerceran no seu ámbito de competencia nas titulacións do Sistema Galego de Universidades

Ven, 26/02/2010 - 11:19

A Consellería de Educación  e  a  Consellería de Sanidade asinaron hoxe, en San Caetano,  cos  tres reitores das universidades galegas o acordo de cooperación relativo  á  docencia do grao en Medicina, que tamén poderá ser adaptado para aplicarse nos estudos de Ciencias da Saúde en xeral.

Este  acordo de cooperación foi asinado polo conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad, a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas  Abadía , e Senen Barro, José María Barja e Alberto Gago, reitores das Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, respectivamente.

Principais pautas

Así, e tras meses de traballo por parte dos representantes das consellerías de Educación e Sanidade conxuntamente coas tres universidades acádase, un acordo para comezar a traballar nas bases relativas ao persoal docente e crearase unha comisión que será a encargada de planificar academicamente o curso e establecer que profesores serán os encargados de dar formación nos hospitais universitarios, e noutros da rede do SERGAS. Todo isto ten como propósito mellorar a formación dos alumnos e alumnas do Sistema Universitario Galego e optimizar o emprego de recursos materiais e humanos.

Deste xeito queda determinado que ,  a partir do curso 2010/2011 ,  a docencia clínica de Medicina será impartida nos hospitais universitarios coa participación doutros centros da rede do SERGAS; no que exerceran PDI (Profesor Docente Investigador) con prazas vinculadas aos hospitais universitarios, e os PCD (Profesores Colaboradores Docentes).

Crearase unha Comisión Mixta Paritaria do SUG para a Docencia Clínica, con representantes de Educación, Sanidade, e cada unha das Universidades. Esta  será a responsable de avaliar cada ano as necesidades de docencia clínica  para o  conxunto de títulos de Ciencias da Saúde, e de planificar as convocatorias de PCD necesarios, así como de dar conta das prazas para PDI.

Actividades anuais

Neste acordo quedará determinado que a docencia axustarse ao programa do grao en Medicina, con independencia dos hospitais no que se imparta. A Comisión Docente de cada hospital será que realice un informe anual das actividades programadas e desenvolvidas en dito centro que será remitido á Comisión Mixta creada para tal fin para que verifique que o programa axustase ao que os estudantes de Medina precisan.

A transición a esta fórmula que facilita a descentralización da docencia clínica do grao en Medicina a través da incorporación da nova figura de Profesor Colaborar Docente, que estaría operativa para o vindeiro curso.

A docencia clínica en titulación de Ciencias da Saúde, e de Medicina en particular, ten certas especificidades que recomendan un esforzo especial de cooperación no que deben implicarse as tres universidades galegas e os hospitais da rede do Servizo Galego de Saúde que conten con dotacións e capacidades para atender esta responsabilidade.

Con este acordo a nova Xunta de Galicia inicia un novo proceso que  se  leva demandando desde  hai anos.  Desde esta sinatura existe, por tanto, un punto de partida para  que tódolos implicados poidan traballar dun modo coordinado e co únicos obxectivo de dar a mellor formación ao alumnado do SGU,  para acadar a mellor calidade nas ensinanzas en torno ao grao de Medicina, e Ciencias da Saúde en xeral, que se imparten na comunidade galega.