Política lingüística reforza o seu apoio ás iniciativas que se están a levar a cabo no ámbito socioeconómico para fomentar o uso do galego

Anxo Lorenzo animou os empresarios a que incorporen a lingua galega á súa actividade como un “activo empresarial” durante a xornada que organizou hoxe o Foro Enrique Peinador

Xov, 25/02/2010 - 19:38

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, amosou todo o seu apoio ás iniciativas que se están a levar a cabo no ámbito socioeconómico para fomentar o uso do galego durante o encontro de empresarios do Foro Enrique Peinador, que tivo lugar hoxe no pazo de Lestrove, en Padrón.

“Lingua e empresa –salientou Anxo Lorenzo– representan a ilusión e a forza de emprender novos camiños no prometedor futuro de Galicia”. O secretario xeral tamén incidiu na idea de que o galego é unha lingua tan válida como calquera outra para as relacións empresariais e destacou que “en Galicia constitúe, sen dúbida, un activo para as empresas”. Ademais, o responsable de Política Lingüística brindoulles ás empresas todo o seu apoio e o asesoramento técnico necesario para a incorporación da lingua galega á súa actividade diaria, á etiquetaxe dos seus produtos e mais aos seus servizos.

Numerosos empresarios –entre eles representantes de Filmax, do Grupo Academia Postal, de Celtic Estores, de Portadez, de Aluminios Cortizo, dos estaleiros Cardama e mais Factorías Vulcano, de Energy, de Augas de Mondariz, da Confederación de Empresarios de Ourense e de Proyecon Galicia– asistiron a esta xornada na que se abordaron diversas propostas para fomentar a incorporación do galego ao ámbito empresarial durante este ano 2010.

Menús News node R

Colectivo