A Consellería lamenta a politización realizada polo concello de Oroso en torno á construción do novo centro educativo

Cultura e Educación recorda que se lle solicitou ao concello a retirada dos entullos almacenados na parcela na que se construíra o futuro CEIP

Lun, 04/06/2012 - 12:13

A Consellería Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, lamenta a politización realizada polo concello de Oroso en torno á construción do novo centro educativo.

Así, en resposta as declaracións efectuadas polos representantes do concello de Oroso a Xunta manifesta  a súa sorpresa pola falta de entendemento das comunicacións oficiais realizadas desde a Consellería, que non teñen outra finalidade que a de lembrar ao concello as súas obrigas asumidas nun convenio.

Entullos na parcela

Contrariamente ao exposto polo concelleiro de ensino e familia de Oroso a Xunta de Galicia non puido realizar aínda o acto de replanteo da obra, como consecuencia da existencia dentro da parcela na que se construirá o futuro centro dunha morea de entullos que acada os 4.200 metros cúbicos que deben ser retirados de dito espazo porque suporían un custo moi importante a engadir ao contrato adxudicado pola Xunta.

Na comunicación realizada desde San Caetano solicitouse ao concello de Oroso a reposición do terreo ao estado inicial, mediante a retirada dos entullos, a fin de poder levar a cabo o acto de replanteo. En ningún caso se esta a ameazar á comunidade educativa de Sigüeiro coa non realización da obra, boa proba disto e que a Consellería licitou a través da Sociedade Pública de Investimentos a construcións do novo centro educativo. Así, por encargo de Educación a SPI adxudicou  o contrato por un importe de 4,7 millóns de euros, un dos investimentos máis elevados neste exercicio por parte da Consellería.

Na comunicación lembróuselle ao concello que a imposibilidade de realizar o replanteo como consecuencia do lamentable estado da parcela, habilitaría ao contratista a solicitar a resolución do contrato, de conformidade co disposto na vixente  Lei de Contratos do Sector Público. Polo que dita comunicación ten como obxectivo recordar, en contra da “descortesía” aludida polo representante municipal, coa maior elegancia e lealdade administrativa os atrancos que está a sufrir este investimento como consecuencia do incumprimento das obrigas do concello.