Educación aproba os novos currículos formativos dos ciclos dos sectores produtivos de electricidade, informática e automoción

En virtude destas modificacións, estes estudos quedan adaptados ao Sistema Nacional das Cualificacións

Xov, 25/02/2010 - 14:50

O Consello da Xunta autorizou hoxe os decretos polos que se establecen os currículos de dous ciclos formativos de grao medio e dun de grao superior, tres das titulacións máis demandadas. En virtude destas autorizacións quedan establecidos os currículos para as familias de ciclos formativos de grao medio correspondentes ao título de técnico en Sistemas Microinformáticos e Redes, e de técnico en Instalacións Eléctricas e Automáticas.

Do mesmo modo tamén quedaron aprobados os novos temarios que seguiran aqueles que opten por estudar o ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Automoción.

Adaptación ao Sistema Nacional

En virtude destes cambios, os currículos dos estudos quedan modificados, adaptándose o temario da Comunidade Autónoma de Galicia ao Sistema Nacional das Cualificacións Profesionais. Deste xeito, os novos currículos adaptan as devanditas titulacións ao campo profesional e de traballo da realidade socioeconómica galega e ás necesidades de cualificación do sector produtivo, o que favorece unha inserción laboral inmediata e unha proxección profesional futura.

Para acadar estes obxectivos, os currículos a que deu hoxe o visto e prace o Consello da Xunta determinan a identificación do título, o seu perfil profesional, o contorno profesional, a prospectiva do título no sector ou nos sectores, as ensinanzas do ciclo formativo e a correspondencia dos módulos profesionais coas unidades de competencia para a súa acreditación, validación ou exención. Así mesmo, determínanse os accesos a outros estudos, as validacións, exencións e equivalencias, e a información sobre os requisitos necesarios segundo a lexislación vixente para o exercicio profesional. Ademais, quedan establecidos os obxectivos xerais que o alumnado debe alcanzar ao finalizar o ciclo formativo e as competencias que deben adquirir os alumnos e
as alumnas nun contexto de aprendizaxe en cada módulo, que lles deben permitir conseguir os logros profesionais necesarios para desenvolver as súas funcións con éxito no mundo laboral.

Con esta mesma finalidade, a inclusión do módulo de formación en centros de traballo posibilita que o alumnado complete a formación adquirida no centro educativo mediante a realización de prácticas en situacións reais de traballo no contorno produtivo do centro, de acordo coas esixencias derivadas do Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional. Outra das novidades desta liña é a inclusión da formación relativa á prevención de riscos laborais dentro do módulo de formación e orientación laboral, que aumenta a empregabilidade do alumnado que supere estas ensinanzas e facilita a súa incorporación ao mundo do traballo, ao capacitalo para levar a cabo responsabilidades profesionais equivalentes ás que precisan as actividades de nivel básico en prevención de riscos laborais.

Os cambios foron realizados tendo en conta os informes do Consello Escolar de Galicia e do Consello Galego de Formación Profesional, en virtude dos cales se incorporan modificacións específicas dalgúns dos decretos e outras de carácter xeral que afectan a outros decretos dos currículos de formación profesional xa publicados.