O conselleiro de Cultura e Educación comproba o avance dos traballos de mellora no CEIP Virxe de Covadonga

O departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad ten previsto un investimento aproximado de 25.000 euros para as obras neste centro

Ven, 01/06/2012 - 11:48
O conselleiro de Cultura e Educación comproba o avance dos traballos de mellora
O conselleiro de Cultura e Educación comproba o avance dos traballos de mellora no CEIP Virxe de Covadonga

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, comprobou hoxe o avance dos traballos de mellora no CEIP Virxe de Covadonga, en Ourense, aos que o departamento que dirixe ten previsto destinar uns 25.000 euros. No marco da súa visita a este centro, o conselleiro explicou que xa está rematada a instalación de fiestras dobres en catro aulas da planta baixa do centro, e que está case lista a reparación do peche do patio. Ademais, indicou que a substitución parcial dos falsos teitos dará comeza cando rematen as clases, para non interferir no normal desenvolvemento da actividade escolar.

“Deste xeito –explicou- os 194 estudantes deste colexio poderán ter unhas instalacións renovadas para o vindeiro curso 2012/2013, no marco do compromiso co mantemento dos centros educativos nas mellores condicións que ten esta Consellería”. Neste sentido, Vázquez Abad lembrou que xa no ano 2010 se destinaran máis de 6.500 euros a traballos de pintura no CEIP Virxe de Covadonga.

“Por outra banda, cómpre salientar que a consellería ten achegado este curso máis de 90.000 euros para a prestación do servizo de transporte e do comedor escolar neste colexio, grazas ao que se subministran menús a 116 comensais”, engadiu Vázquez Abad.

Percorrido polo centro

Acompañado polo director do centro, Constantino Seoane; polo delegado da Xunta ne Ourense, Rogelio Martínez; e pola xefa territorial da Consellería na provincia, Mercedes Gallego; o conselleiro percorreu o centro e coñeceu os diferentes proxectos que nel se desenvolven. Así, comprobou o funcionamento do kit de aula dixital co que se dotou ao centro, no marco do convenio asinado pola consellería e Red.es, composto por un ordenador portátil, un encerado dixital interactivo e un proxector. Ademais, visitou a biblioteca, á que a consellería leva achegado 5.750 euros para actividades de fomento do hábito lector entre os máis novos.

 Durante a súa visita o conselleiro coñeceu de primeira man os intereses e as demandas da comunidade educativa do centro, e reiterou o seu compromiso de seguir a traballar pola calidade educativa nos centros de ensino de Galicia.