Cultura e Educación adxudica a redacción do proxecto básico e de execución do novo CEIP de Nos, na Coruña

Xov, 31/05/2012 - 13:10

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ven de adxudicar a redacción do proxecto básico e de execución para a construción do novo CEIP da parroquia de Nos, en Oleiros, sendo a adxudicataria a UTE García Aorín- Miguel Jiménez Martín, cun importe de adxudicación de 58.552,40 euros, e un prazo de execución de 2 meses.

Deste xeito continúanse a cumprir os pasos legais establecidos para a construción deste novo centro que suporá a creación de 6 unidades de educación infantil e 12 unidades de educación primaria.

O obxectivo é poder licitar as obras no segundo semestre do ano 2012 e a continuación iniciar o proceso de construción do centro educativo que dea resposta ás necesidades de escolarización do concello de Oleiros.

Deste xeito o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad volve a dar conta das súas accións de cara a cumprir cos compromisos adquiridos coa comunidade educativa, e deste xeito- a pesares da grave crise económica- dar resposta as demandas da mesma.