A Consellería de Cultura e Educación adxudica a redacción do proxecto de construción do novo CEIP de Betanzos

Cos prazos manexados na actualidade, está previsto que o centro estea construído ao longo do curso 2013/2014

Mér, 30/05/2012 - 16:48

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de adxudicar o procedemento negociado para a redacción do proxecto do novo CEIP de Betanzos a Estudios Norniella S.L.P., por importe de 37.760 euros, e cun prazo de execución de 2 meses. Trátase dunha aposta decidida deste departamento polo benestar da comunidade educativa, un firme compromiso que se mantén malia aos actuais tempos de crise económica.

O novo colexio supón a creación de quince unidades de infantil coa previsión, no propio proxecto, dunha ampliación nunha segunda fase ata acadar as 18 aulas. Segundo os prazos manexados na actualidade, está previsto que o centro estea construído ao longo do curso 2013/2014.

Ao procedemento, que foi publicado na plataforma de contratación, presentáronse 28 estudos e gabinetes de arquitectura con propostas de gran calidade que foron examinadas pola oficina de supervisión de proxectos da Consellería.

Con este novo paso o departamento educativo da Xunta de Galicia pon de manifesto o seu compromiso coa atención ás necesidades educativas da zona. Cómpre lembrar, neste sentido, que para o curso 2012-2013 xa está asegurada a escolarización de todos os estudantes de infantil dentro do concello de Betanzos.