A Consellería de Cultura e Educación mantén o seu apoio ás Anpas e concellos que xestionan comedores escolares

No Diario Oficial de Galicia publícase hoxe a orde de axudas ás asociacións de nais e pais que xestionan este servizo complementario no curso 2011/2012

A Consellería ten asinado convenios de colaboración en materia de comedores cos concellos de Ferrol, Narón, Mugardos e Muíños, por un importe superior aos 138.100 euros

Está previsto colaborar o vindeiro curso tamén cos concellos de Santiago de Compostela, Ames e Cangas do Morrazo, o que suporá unha achega aproximada de 137.000 euros

Mér, 30/05/2012 - 14:38

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria mantén o seu apoio ás entidades e administracións locais que xestionan comedores escolares, tal e como pon de manifesto a publicación da orde pola que se convocan as axudas para o curso académico 2011-2012 destinadas ao cofinanciamento dos servizos de comedor escolar xestionados ANPAS, hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), por importe de 700.000 euros.

A esta cantidade xúntanse as achegas que a Xunta de Galicia está a facer aos concellos que asumiron a xestión de comedores de ANPAS. Así, este curso o departamento educativo da Xunta de Galicia asinou convenios cos concellos de Ferrol, Narón, Mugardos e Muíños para a subvención do servizo de comedor escolar en 14 centros educativos por un importe superior aos 138.100 euros, co que a Consellería está a subvencionar os menús de 689 comensais durante todo o curso escolar.

Grazas a esta colaboración económica, os alumnos e alumnas de 8 comedores da cidade de Ferrol poderán seguir utilizando este servizo, malia a decisión de FEANPAS de non continuar coa súa xestión, concretamente nos CEIP Cruceiro de Canido, Recimil, Isaac Peral, Manuel Masdias, San Xoán de Filgueira, Esteiro, e Pazos, e no CPI Almirante Juan de Lángara y Huarte, todo eles do Concello de Ferrol. Ademais benefícianse destes acordos os usuarios dos comedores dos CEIP A Solaina, A Gándara, Virxe do Mar e Do Feal, en Narón. No caso de Mugardos, o centro beneficiado é o do CEIP Unión Mugardesa, e no Concello de Muíños o CEIP Valle Inclán.

De cara ao curso que vén, 2012/2013, a Consellería ten previsto incrementar o número de convenios asinados coas administracións locais para a colaboración no financiamento deste servizo complementario, incorporando a concellos como Santiago de Compostela, Ames ou Cangas de Morrazo. Deste xeito contribuiríase á prestación do servizo en 18 comedores escolares máis, o que suporía un achega aproximada total superior aos 275.000 euros.