O CIFP Compostela recibe o premio Picadillo no Fórum Gastronómico

O centro santiagués conta cunha ampla traxectoria na formación en hostalería

Mér, 24/02/2010 - 19:45

A subdirectora xeral de Orientación Profesional e Relación con Empresas, María Eugenia Pérez Fernández, asistiu hoxe á entrega do Premio Picadillo na disciplina da divulgación e da formación, que recoñece o traballo do Centro Integrado de FP Compostela na formación de profesionais no eido da hostalería. O acto tivo lugar no Fórum Gastronómico, que se celebra no recinto feiral de Amio desde a pasada fin de semana, e no que o centro ten instalado un stand expositor.

Neste marco, a subdirectora xeral puido comprobar in situ  o traballo dos alumnos do CIFP Compostela, que elaboraron algúns manxares para a ocasión, sempre na liña da innovación e vangarda gastronómica. María Eugenia Pérez felicitou aos estudantes polos seus avances, e valorou o galardón que “seguirá alentando ao profesorado e alumnado do CIFP Compostela a continuar nesta liña de traballo, así como da necesidade de abrir o centro a todas as colaboracións co sector en todos aqueles eventos que impliquen unha actualización constante destas ensinanzas”. Ademais, a subdirectora xeral destacou a importancia da “colaboración nun fórum deste tipo que contribúe á difusión da calidade das ensinanzas de formación profesional que se están a impartir, e que son unha moi boa aposta para a nosa xuventude de cara ao seu futuro profesional”.

Por último, a representante de Educación transmitiu “o apoio total da Consellería” ás iniciativas como as do Fórum gastronómico, “xa que poñen de manifesto que estas  ensinanzas responden ás demandas deste sector puxante da economía e moi especialmente da economía da nosa Comunidade Autónoma”.

Centro de referencia

O CIFP Compostela conta cunha ampla traxectoria na formación en hostalería, tarefa que vén desenvolvendo desde o ano 1967. Polo CIFP Compostela teñen pasado estudantes de Asturias, Castela e León, Cantabria, Euskadi ou Canarias, entre outras moitas Comunidades Autónomas. Entre os seus alumnos atópanse numerosas figuras de recoñecido éxito profesional, froito do traballo constante e rigoroso que se desenvolve neste centro.

O centro santiagués ofrece aos estudantes cursar as titulacións de grao medio de Cociña e Gastronomía; Panadaría, Repostaría e Confeitaría; e Servizos en Restauración; e os de grao superior en Restauración, e en Xestión de Aloxamentos Turísticos. Ademais, no centro pódense cursar módulos de FP para adultos, pertencentes ao ciclos formativos de Restauración, Servizos en Restauración e Cociña e Gastronomía.

Evento internacional

O Fórum Gastronómico 2010, organizado coa colaboración da Xunta de Galicia, converteu Santiago de Compostela na capital gastronómica do Arco Atlántico. O evento contou coa presenza dalgúns dos mellores cociñeiros do mundo, como Ferrán Adrià, Joan e Josep Roca (Cataluña), Eneko Atxa (Euskadi), Pedro e Marcos Morán (Asturias), Pierre Gagnaire (Francia), Ernst Knam (Milán), Jacob Mielcke (Dinamarca), Bernard Lahousse (Bélxica) ou Chakall (Portugal). A Consellería de Educación tamén estivo presente neste evento a través do stand do CIFP Compostela, cuxos alumnos apuntan xa aos máis altos fornos da cociña.

Nesta súa segunda edición na capital de Galicia, o Fórum mostrouse nos diferentes espazos de Santiago de Compostela. Deste xeito, desenvolvéronse nas rúas da cidade catas, un concurso de pulpeiras, visitas guiadas polos mercados e locais gastronómicos, e obradoiros impartidos por grandes chefs. Ademais, o Recinto Feiral de Amio acolleu unha feira de exposicións e un congreso profesional, no que se celebraron Diálogos sobre temas de actualidade e interese para o sector, o III Encontro Europeo de Bloggers Gastronómicos e a entrega do I Premio á Internet Gastronómica.