A Consellería de Cultura e Educación participa no acto de reapertura da biblioteca do IES Xelmírez I

O director xeral de Centros e Recursos Humanos salientou a implicación da comunidade educativa no fomento da lectura a través das bibliotecas escolares

Mar, 29/05/2012 - 17:23

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou hoxe no acto co que o IES Xelmírez I (Santiago de Compostela) celebrou a reapertura da súa biblioteca, logo das transformacións realizadas grazas á súa entrada no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) no actual curso 2011/2012. O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal Rodríguez, representou ao departamento educativo da Xunta de Galicia neste acto, no que os membros da comunidade educativa do IES puideron manter un encontro co escritor Manuel Sánchez Singala.

O director xeral salientou a implicación do conxunto da comunidade educativa no fomento da lectura entre os máis novos, ao que está a contribuír a Consellería a través do Plan LÍA 2010/2015 de bibliotecas escolares para a Lectura, a Información, e a Aprendizaxe. Neste sentido recordou que o departamento educativo da Xunta de Galicia está a impulsar un modelo de biblioteca “que facilita a formación dos lectores, proporcionando materiais diversos que atenden aos intereses de todos e que axudan ao alumnado a madurar en contacto cos libros e a lectura”.

Labor da comunidade educativa

Pinal Rodríguez salientou tamén o valor da biblioteca histórica deste instituto, así como “a sensibilidade deste centro para detectar as necesidades das alumnas e alumnos deste tecnolóxico e globalizado século XXI e adaptarse a elas”. “Buscar un equilibrio entre as tecnoloxías da información e da comunicación entre as novas formas de cultura escrita e o patrimonio cultural e histórico non é unha tarefa sinxela”, explicou.

Deste xeito o director xeral agradeceu o traballo de todos os membros da comunidade educativa e profesionalidade grazas ao cal “podemos considerar a biblioteca deste centro como o seu corazón, o lugar onde latexan a aprendizaxe e a lectura, onde se adquiren competencias e se favorece, polo tanto, a consecución dos obxectivos educativos”.

O acto completouse coa lectura dos relatos das alumnas Xela García Carballo e Irene Chaves Varela, premiadas nos certames Coca-Cola e Ciencia, respectivamente; e coa actuación musical da estudante Julia Caro.

O IES Xelmírez I forma parte da rede de institutos históricos do Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), que abriron as súas portas no século XIX, xunto ao IES Eusebio da Guarda (A Coruña), o IES Salvador de Madariaga, tamén na cidade herculina; o Lucus Augusti en Lugo; o Sánchez Cantón de Pontevedra; e o Otero Pedraio de Ourense.

Menús News node R