Cultura e Educación promove a formación para dinamizar a lectura dixital a través da Rede de Bibliotecas de Galicia

A Consellería programa un curso para dar a coñecer os novos soportes, recursos e experiencias prácticas de dinamización da lectura dixital

A iniciativa, que se desenvolve entre hoxe e mañá na Cidade da Cultura, enmárcase no Plan de Formación 2012 dirixido ao persoal dos centros da Rede de Bibliotecas

Lun, 28/05/2012 - 18:25

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria aposta por aproveitar o potencial dos novos soportes electrónicos e do web 2.0 para promover desde as bibliotecas públicas a lectura dixital. Con este obxectivo, a Secretaría Xeral de Cultura programa un curso para dar a coñecer entre o persoal da Rede de Bibliotecas de Galicia novas ferramentas e experiencias prácticas de dinamización da lectura dixital.

A Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, acolle entre hoxe e mañá a realización desta iniciativa, na que o alumnado terá a posibilidade de coñecer os novos soportes de lectura, así como recursos e experiencias prácticas para impulsar a alfabetización dos usuarios e usuarias das bibliotecas na lectura dixital. A coordinadora da Área de Promoción da Lectura no Centro Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, Elisa Yuste, é a encargada de impartir este curso, no que tamén se analizan as necesidades de lectura entre as franxas poboación máis novas.

Novas ferramentas e experiencias prácticas

Os contidos do curso estrutúranse en catro grandes apartados. En primeiro lugar, abórdanse os novos soportes de lectura, tanto no referente aos dispositivos como aos contidos, e ofrécense pautas para a súa análise e selección. En segundo lugar, inclúense contidos sobre os ámbitos web na promoción da lectura, desde o punto de vista da información e da comunicación, así como da interacción e da creación de contidos. En terceiro lugar, presentaranse exemplos de iniciativas de interese arredor de webs de autores e obras, de clubs na nube e de xogos en liña. Finalmente, analizaranse as características e niveis de comprensión lectora do público infantil e xuvenil, así como a súa satisfacción e apropiación de dispositivos.

Mellora e modernización dos servizos bibliotecarios

O curso forma parte do Plan de Formación 2012 dirixido ao persoal técnico e auxiliar da Rede de Bibliotecas de Galicia que ten en marcha actualmente a Consellería de Cultura e Educación. No marco competencial de mellora e modernización da Rede de Bibliotecas de Galicia, a Secretaría Xeral de Cultura asume a función de formación dos profesionais que desempeñan as súas tarefas nos centros desta rede a través dun programa no que se inclúen diversos temas de interese tratados por recoñecidos expertos.

Ademais do curso sobre promoción da lectura dixital, actualmente está en marcha un curso de xestión dos fondos das coleccións bibliotecarias, para manter unha colección actualizada, adaptada ás necesidades dos usuarios e usuarias e, polo tanto, en bo estado para a súa utilización. Tamén están previstas ata finais de xuño accións de formación sobre o libro electrónico, o proceso lector e a atención ao usuario.