A Consellería de Cultura e Educación pon en marcha este luns 21 de maio no Gaiás unha nova edición de ‘Os seráns do TAC’, un ciclo que o ano pasado acadou un gran éxito

A Biblioteca de Galicia acolle este luns 21 de maio ás 20,00 horas pezas de Varèse, Kagel, Schnittke e Daugherty

Esta primeira sesión estará introducida polo actor Carlos Blanco e ao final servirase unha tapa-creación a cargo de Abastos 2.0

A sesión ‘A Contracorrente’ inaugura o ciclo que baixo o formato humor+música+gastronomía busca introducirnos na música contemporánea

Sáb, 19/05/2012 - 10:37

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza este luns 21 de maio na Cidade da Cultura a primeira sesión do ciclo Os Seráns do TAC, unha iniciativa coa que se busca introducir a música contemporánea dun modo festivo e ameno. A sobras de autores como Varése, Kagel, Schnittke ou Daugherty serán as protagonistas a partir das 20,00 horas na Biblioteca de Galicia dunha sesión titulada A Contracorrent, onde haberá humor, música e gastronomía. Neste concerto interpretaranse pezas de autores que seguiron camiños moi persoais, difíciles de encadrar nas distintas correntes musicais xurdidas no transcurso das súas vidas e cunha compoñente performántica moi importante, non só para escoitar, senón tamén para ver.  

Seguindo o exitoso formato do 2011, esta sesión inaugural dos Seráns do TAC estará introducida por un dos mellores monologuistas de Galicia: o actor Carlos Blanco, que co seu humor guiará ao público pola obra dos catro autores protagonistas. Tras o concerto, o equipo do Abastos 2.0 de Santiago de Compostela ofreceranlle aos asistentes unha tapa de cociña contemporánea creada a partir de produtos da nosa xeografía e inspirada nas obras interpretadas, que favorecerá un momento de conversa así como de gozo dos espazos que ofrece a Cidade da Cultura.

As entradas para esta primeira sesión poden adquirirse en www.servinova.com a un prezo de 5 euros máis gastos de xestión ata a propia mañá do luns 21 de maio. Xa pola tarde e ata o comezo do concerto, será posible adquirir a entrada no despacho de billetes da Cidade da Cultura a un prezo de 6 euros.

Humor+Música+Cociña

Os Seráns do TAC propón un achegamento ao mundo da música contemporánea e á gastronomía a través dun formato único. O repertorio de grandes figuras como Varese, Schönberg ou Cage interpretado polos músicos do TAC combinarase coa estrea de obras de compositores galegos como Eduardo Soutullo ou Raquel García Tomás e a participación de artistas internacionais para dirixir ou tocar obras dos nosos compositores como Paul Daniel.

O ciclo esta composto por cinco sesións que estarán introducidas en clave de humor polos actores Quico Cadaval e Carlos Blanco e o músico Julián Hernández (Siniestro Total). Tras o concerto, cinco importantes restaurantes –Abastos 2.0, Eirado de Leña, Pepe Solla, Culler de Pau e Yayo Dacosta– ofreceranlles aos asistentes unha tapa-creación que lle porá o punto e final a un serán único e irrepetible.

Menús News node R

Tema