O conselleiro de Educación asistiu ao acto de recoñecemento ás 300 empresas que colaboran coa Universidade de Vigo

Agradeceu o labor das empresas a prol da formación dos estudantes e do I+D da Universidade

Mar, 23/02/2010 - 14:56

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu hoxe ao acto de recoñecemento ás 300 empresas que colaboran coa Universidade de Vigo, que se celebrou no paraninfo da facultade de Ciencias Económicas e Empresarias do campus vigués.

Neste acto aplaudiuse o labor de colaboración das empresas que se implican coa Universidade de Vigo e cuxo labor foi recoñecido a través da entrega duns diplomas. O conselleiro estivo presente neste acto no que se resaltou a importancia destes acordos que facilitan as prácticas profesionais aos estudantes universitarios, e que as empresas realicen importantes inversións en I+D. Un labor de entendemento que Vázquez Abad destacou como imprescindible para a formación das xeracións vindeiras.

Unha alianza que constitúe “un viveiro de intelixencia creativa”

A homenaxe organizada polo Consello Social da Universidade de Vigo foi un acto de encontro entre as empresas, administración e académicos, onde se destacou a importancia da investigación como elemento de riqueza económica imprescindible para a mellora da calidade de vida.

Durante a súa intervención, o conselleiro de Educación recordou que “esta xornada da cumprida conta do logro dun ambicioso obxectivo: consolidar a presenza, cada vez maior, da emerxente xeración universitaria galega en ámbitos empresarias que polarizan o progreso innovador da nosa terra”.

“Os resultados da colaboración entre o Consello Social da Universidade de Vigo e a Confederación de Empresarios de Galicia poñen de relevo a fulgurante pegada dun labor extraordinario en todo canto desafío están a afrontar conxuntamente” dixo Vázquez Abad, que engadiu que “esta alianza constitúe un extraordinario viveiro de intelixencia creativa que aporta sabia nova e mentalidade profesional a un dos ámbitos máis dinámicos da nosa terra”.

O titular de Educación no Goberno da Xunta de Galicia resaltou que “somos moitos os que cremos que a creación e posta en marcha de sistemas modernos para o estudo e maila aplicación empresarial dos avances científicos están na base do desenvolvemento xeral e da modernización da estrutura económica dun país”.

Representantes dos investigadores, alumnado, hostalaría e empresarios

As empresas que foron recoñecidas hoxe abarcan todos os ámbitos universitarios, desde o da construción, alimentación, mecánica ata a nova tecnoloxía, de carácter autonómico e nacional. Entre elas destacan Pescanova, Citroën ou Bluesens.

Ademais dos galardoados estiveron presentes no acto cincuenta destacados investigadores, os de maior proxección, da Universidade de Vigo, ademais dunha importante representación do alumnado. Xunto a eles, representantes dos establecementos galegos con estrela Michelín e dos centros de formación de Hostalaría. En total, no Paraninfo estiveron máis de 400 invitados, aos que se sumou público que desexou presenciar este evento singular. Trátase dun acontecemento único xa que este é o único desta índole que se celebra de entre os cincuenta consellos sociais de universidades públicas que hai en España.

A sesión, presidida por Emilio Atrio, presidente do Consello Social, organizador do acto,  contou coa presenza do afamado cociñeiro Ferrán Adriá, que interveu co relatorio Cuánto dura la creatividad, apoiado en imaxes. O chef, que onte estivo no ‘Forum Gastronómico’ que se celebra en Santiago de Compostela, é un dos grandes impulsores da gastronomía e aspira a que esta disciplina se converta en título de grao universitario.

No evento tamén estiveron presentes o reitor da universidade de Vigo, Alberto Gago, e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Antonio Fontenla. Así como a delegada da Xunta en Vigo, Lucia Molares, e o xefe territorial de Educación, César Pérez. Para todos eles actuou o coro da Universidade de Vigo.