A Consellería de Cultura e Educación convoca 113 axudas para estadías no estranxeiro destinadas a universitarios que desexen mellorar as súas competencias en outros idiomas

Deste xeito a Consellería aposta pola potenciación do coñecemento de outros idiomas, co fin de favorecer a mobilidade académica e laboral dos universitarios galegos

Cómpre lembrar que a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior esixe o coñecemento dunha segunda lingua para mellorar a capacidade de estudo e traballo

Nesta convocatoria increméntase nun 19,5% o orzamento e nun 13% o número mínimo de axudas

Lun, 14/05/2012 - 17:00

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria  convoca 113 axudas para que os universitarios que estean a estudar na nosa Comunidade Autónoma realicen estadías nalgún Estado membro da Unión Europea durante o verán de 2012, co obxecto de coñecer a lingua oficial dese país. Deste xeito, o departamento educativo da Xunta de Galicia volve apostar pola mellora das competencias das galegas e galegas en linguas estranxeiras, neste caso os estudantes de calquera das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) ou dos centros asociados da UNED en Galicia. Neste sentido cómpre lembrar que a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) esixe o coñecemento dunha segunda lingua para mellorar a capacidade de estudo e traballo.

Cada un dos estudantes que resulten beneficiarios percibirá unha axuda de 1.100 euros. A esta convocatoria, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) destínanse 124.300 euros, co que se incrementa nun 19,5% o orzamento respecto da convocatoria anterior, na que se ofertaron 100 bolsas.

Requerimentos

Poderán solicitar estas axudas os universitarios que estean matriculados no curso 2011/2012, como mínimo en 50 créditos, incluído neles o proxecto fin de carreira, en calquera das universidades do Sistema Universitario de Galicia, ou nos centros asociados da UNED en Galicia en estudos conducentes ao título de grao, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico.

Ademais, os aspirantes deberán ter  superado no momento de presentación da solicitude 60 créditos en titulacións de 1º ciclo ou 120 créditos en titulacións de grao e de 1º e 2º ciclo; e teren unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 7 puntos, para alumnos das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde; e a 6 puntos, para alumnos da rama de Enxeñaría e Arquitectura.

O curso de idiomas, que poderá desenvolverse no período comprendido entre o 1 de xuño e os 30 de setembro de 2012, debe ter unha duración mínima de tres semanas, cun mínimo de 15 horas lectivas semanais.