A Consellería de Cultura e Educación programa dúas actuacións musicais en Santiago e Pontevedra para difundir a obra poética de Paz-Andrade

Os grupos galegos ‘Xardín Desordenado’ e ‘Tender a Man’ serán os encargados de interpretar os versos do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2012

As actuacións de mañá martes na praciña de Fonseca de Santiago e o concerto do mércores 16 na praza da Ferreira de Pontevedra pecharán este ciclo musical-literario

Lun, 14/05/2012 - 15:15
A Consellería de Cultura e Educación programa dúas actuacións musicais en Santia
A Consellería de Cultura e Educación programa dúas actuacións musicais en Santiago e Pontevedra para difundir a obra poética de Paz-Andrade

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove dúas actuacións máis nas rúas de Santiago e Pontevedra para celebrar as Letras Galegas e contribuír coa difusión da obra do autor homenaxeado en 2012, Valentín Paz-Andrade.

Mañá, martes 15 de maio, a grupo Xardín Desordenado interpretará os poemas do autor en Santiago de Compostela, a partir das 19:00 horas na praciña de Fonseca. Un días máis tarde, o mércores 16 de maio ás 19,00 horas na praza da Ferreira de Pontevedra, a formación Tender a Man pechará o percorrido desta iniciativa con outro concerto na rúa.

Estas serán as dúas últimas actuacións dentro deste proxecto musical-literario, despois de que Vigo, Ourense e A Coruña tamén acolleran os concertos destas formacións. Xardín Desordenado e Tender a Man son dous grupos galegos que se caracterizan pola promoción da literatura galega a través dos seus traballos discográficos, que son publicados a súa vez por Sul Producciones.

As actuacións de rúa que promove a Consellería de Cultura e Educación, enmárcanse dentro dun completo programa de actividades que está a desenvolver o Goberno galego para conmemorar as Letras Galegas 2012. Entre estas iniciativas inclúese unha exposición itinerante multimedia en centros educativos e bibliotecas, a páxina web oficial do escritor (www.valentinpazandrade.com), a publicación do facsímile de Galicia como tarea e unha edición sobre a biografía de Paz-Andrade para os lectores máis novos.

Promover a poesía a través da música

A Secretaría Xeral de Cultura conta cos grupos Xardín Desordenado e Tender a Man para a interpretación dos poemas de Paz-Andrade. A primeira das formacións naceu en 2008 co obxectivo de promover a poesía galega a través da música. Froito deste interese xurdiron composicións que recuperan traballos de escritores como Uxío Novoneira, Manuel María  ou Xosé María Álvarez Blázquez. O grupo confórmano Marlene Rodrigues (voz), Blas Segura (baixo), Isaac Garabatos (guitarra e teclados), Santiago Ferragud (voz) e David González (batería e percusións).

Pola súa banda,Tender a Man ofrece un espectáculo poético multimedia producido por un grupo artístico variable, que aposta por un novo xeito de ver e comunicar a poesía máis nova e actual ao fío dos tempos e coa complicidade das novas tecnoloxías. Os integrantes desta formación son a escritora Yolanda Castaño, o músico e produtor Isaac Garabatos, a bailarina e coreógrafa Branca Novoneyra, o músico Jesús Andrés e a cantante Mónica de Nut.

Menús News node R

Tema