A Consellería de Cultura e Educación colabora na recuperación e na posta en valor da obra do intelectual Plácido Castro

O secretario xeral de Cultura participou esta tarde na presentación de “Irlanda en Plácido Castro”, unha obra que promove o IGADI co apoio da consellería e que recompila unha ampla colección de textos do autor

Anxo Lorenzo destacou “a contribución dun home de pensamento como Plácido Castro á difusión internacional de Galicia e o seu firme compromiso coa lingua e a cultura galegas”

Ven, 11/05/2012 - 20:30

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria contribúe coa difusión e a posta en valor da obra do intelectual Plácido Castro a través do seu apoio a unha obra que recompila numerosos artigos do autor.

O volume Irlanda en Plácido Castro, promovido polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), foi presentado esta tarde no Pazo de Torrado, en Cambados, nun acto que contou coa participación do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen destacou do autor “o seu firme compromiso con Galicia, coa súa lingua e coa súa cultura”.

“Plácido Castro, como Fernando Pérez-Barreiro e tantos outros, contribuíron desde múltiples perspectivas á difusión internacional de Galicia resaltando aquilo que nos diferencia como pobo, especialmente a nosa lingua e a nosa cultura, como un valor positivo”, afirmou Anxo Lorenzo.

O secretario xeral tamén se referiu a Plácido Castro como “un home de pensamento”, ao igual que Valentín Paz-Andrade. “Algo que seguramente compartían ambos era o de concibir Galicia como un suxeito dinámico e activo que non pode renunciar a ningún tipo de propósito”. Ademais, os dous autores “analizaron e diagnosticaron a situación de Galicia desde unha ollada aberta e pragmática, construtiva e orientada precisamente cara ao futuro”, dixo.

Recoñecemento xusto

A publicación desta obra constitúe, segundo asegurou o secretario xeral, “unha iniciativa de grande interese para para dar a coñecer entre a cidadanía a interesante obra e figura de Plácido Castro”. A obra favorece o acceso ao pensamento do autor a través de numerosos artigos xornalísticos –que teñen en Irlanda unha das súas grandes constantes–, publicados en medios como El Pueblo Gallego, Faro de Vigo ou A Nosa Terra. Neste sentido, o obxectivo desta iniciativa é contribuír “á recuperación e ao recoñecemento xusto desta figura senlleira do galeguismo”, concluíu Anxo Lorenzo.

No acto de presentación tamén participaron o alcalde de Cambados, Luís Aragunde; o presidente da Asociación de Tradutores Galegos, Xavier Senín; e o director do IGADI e introdutor da obra, Xulio Ríos.

Menús News node R

Tema