A Consellería de Cultura e Educación inaugura a exposición ‘A pedagoxía intuitiva. As láminas educativas’ no MUPEGA

Ao acto asistiu tamén a concelleira de Educación de Santiago de Compostela, Rebeca Domínguez

Os visitantes poderán contemplar ata xaneiro de 2013 doce taboleiros pedagóxicos, que especializados en Historia Sagrada e de España, así como en Moral e Urbanidade

A mostra itinerante tamén percorrera os institutos históricos galegos que integran a rede Mupega

Ven, 11/05/2012 - 11:03
Jesus Oitavén inaugura a mostra A pedagoxía intuitiva. As láminas educativas, no
Jesus Oitavén inaugura a mostra A pedagoxía intuitiva. As láminas educativas, no Mupega

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove a nova exposición temporal do Museo Pedagóxico de Galicia que xira en torno á Pedagoxía intuitiva. As láminas educativas.

A exposición, composta por medio cento de láminas murais, foi inaugurada hoxe e contou coa presenza do secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén Barcala, e poderá ser visitada ata xaneiro do ano que vén.

Os taboleiros

Nun modulo especialmente creado para esta exposición poderán contemplarse as laminas murais, tamén chamadas taboleiros pedagóxicos, e que eran consideradas desde mediados do século XIX como un extraordinario e orixinal recurso educativo tanto para  a ensinanza elemental coma superior. Ditos documentos- datados  a mediados do século XIX- están especializados nas disciplinas de Historia Sagrada e de España, nas nocións de Moral ou Urbanidade e na ensinanza dos rudimentos básicos de ler e escribir e están asinados por autores italianos, austríacos, franceses e sobre todo alemán.

Cómpre recordar que as láminas que agora se expoñen ao público foron sometidas a un importante traballo de restauración e documentación, e son parte dos fondos máis valiosos dos institutos históricos galegos.

A mostra

Compleméntase a exposición cunha colección de instrumentos científicos orixinais, propios daqueles tempos e daquel tipo de ensino, que pretendía xirar cara a un matiz máis práctico e científico para non perder o tren da embrionaria revolución industrial.

A exposición é froito dun traballo cooperativo entre o museo e os institutos provinciais ou históricos que constitúen co MUPEGA un exemplar modelo de mutualismo patrimonial que dende o ano 2002 se coñece como Rede Mupega.

A partir do 2013 a mostra itinerante poderá ser visitada nos institutos históricos que conforman a Rede Mupega. Así se instalarán o Lucus Augusti de Lugo, Otero Pedrayo de Ourense, Sánchez Cantón de Pontevedra, Xelmírez I de Compostela, Eusebio da Guarda e Salvador de Madariaga da Coruña.

O MUPEGA como centro museistico dependente do departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad ten como cometido a exposición de material do ámbito do ensino básico ou primario, das primeiras escolas do século XX.