Cultura e Educación convida a visitar esta fin de semana o Museo de Galicia, que pecha ata xuño para a montaxe da exposición ‘Gallaecia Petrea’

Este domingo será a última ocasión para admirar en estado puro a arquitectura do Museo, que pecha as súas portas ata a inauguración da mostra no mes de xuño

‘Gallaecia Petrea’, a exposición máis ambiciosa sobre a historia da pedra en Galicia, será a encargada de inaugurar o edificio máis espectacular da Cidade da Cultura

Dende o 1 de novembro de 2011, o Museo acolleu eventos especialmente pensados para o edificio como o Galician Connection ao Vivo ou a Intervención Sonora de Mercedes Peón, entre outros

Ven, 11/05/2012 - 10:46
Cultura e Educación convida a visitar esta fin de semana o Museo de Galicia
Cultura e Educación convida a visitar esta fin de semana o Museo de Galicia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convida a visitar esta fin de semana o Museo de Galicia como obra escultórica en si mesma antes de que peche as súas portas para comezar a montaxe da exposición Gallaecia Petrea. Este domingo, 13 de maio, será o último día en que o público poida admirar un dos edificios máis espectaculares da Cidade da Cultura grazas á súa fachada acristalada con vistas á zona vella de Compostela, os seus case 43 metros de altura e os seus máis de 16.000 metros cadrados de superficie.

A partir do luns 14 de maio, o Museo de Galicia pechará as súas portas para comezar coa montaxe da exposición que inaugurará o terceiro edificio do Gaiás: Gallaecia Petrea, a mostra máis ambiciosa sobre a historia da pedra en Galicia. Xuño é o mes elixido para que esta esperada exposición que pretende ser unha homenaxe á arte e á cultura galega a través da pedra, dende os petroglifos á arte contemporánea con pezas de recoñecidos artistas como Manolo Paz ou Francisco Leiro. Ademais da mostra, Gallaecia Petrea funcionará como distribuidor de visitantes, de forma que o público que queira saber máis sobre as obras dunha determinada época, como por exemplo as que datan do barroco, obteña información sobre os lugares onde poden visitalas, así como coñecer máis polo miúdo as súas características.

O peche do Museo de Galicia prolongarase ata a segunda quincena de xuño para atender ás necesidades específicas de montaxe das pezas que a compoñen. O seu alto valor arquitectónico e patrimonial, así como o seu peso e dimensións considerables, converte todo o proceso de montaxe nunha operación complexa que contará con maquinaria especializada e persoal altamente cualificado, e que impide manter as instalacións abertas ao público.

Visitas dende o 1 de novembro

O Museo de Galicia abriu as súas portas o pasado 1 de novembro coa posta en marcha do Programa de visitas guiadas á obra finalizada do Museo de Galicia, no que grupos de vinte persoas puideron visitar en dúas quendas diarias (ás 12 e ás 18 horas) un edificio chamado a ser un referente arquitectónico do século XXI. A partir de finais de xaneiro,  o público pode acceder libremente ao Museo en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas excepto os luns. Este novo horario coincidiu coa inauguración da intervención artística Fluxograma, unha estación de debuxo virtual ideada por Anna Carreras e Ramón Illobre para a exposición Inside coa que a Cidade da Cultura convidou aos visitantes a converterse nos primeiros artistas en crear e expoñer de forma virtual a súa creación nas paredes do Museo.

Escenario de grandes eventos

Durante este período, ademais de Fluxograma, o Museo xa acolleu eventos pensados especialmente para este espazo como foi o concerto Galician Connection ao Vivo, no que seis mestres da world music internacional coordinados pola artista galega Cristina Pato ofreceron dúas horas da mellor música en directo; ou a Intervención sonora que Mercedes Peón ofreceu a pasada fin de semana.

Última fin de semana

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convida a todos os cidadáns a aproveitar esta fin de semana para contemplar por última vez a riqueza arquitectónica deste edificio, cunha superficie de 6.600 metros cadrados, dividida en tres plantas, que acollerá exposicións temporais de fondo calado, ofrecendo a posibilidade de amosar instalacións que pola súa envergadura non poderían exhibirse noutros centros culturais de Galicia. Entre elas, Gallaecia Petrea, que suporá a apertura oficial do terceiro edificio do complexo do Gaiás.

Menús News node R

Tema