Cultura e Educación colabora co ‘Programa Conciencia’ coa conferencia do Nobel de medicina, Tim Hunt, na Cidade da Cultura

Baixo o título ‘Ciclo celular e cancro’ o Nobel de medicina británico trasladou os avances científicos conseguidos no proceso da división celular, resultados que permiten entender un pouco máis esta patoloxía

O profesor británico é o segundo Nobel que pasa polo Gaiás, tras a presenza a finais de abril do xaponés Ei-ishi Negishi, Nobel de Química 2010

Mér, 09/05/2012 - 20:39
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Ab
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presidiu hoxe na Cidade da Cultura o acto de presentación da conferencia ‘Ciclo celular e cancro’, pronunciada polo premio Nobel de Medicina 2001, o británico Tim Hunt.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presidiu hoxe na Cidade da Cultura o acto de presentación da conferencia ‘Ciclo celular e cancro’, pronunciada polo premio Nobel de Medicina 2001, o británico Tim Hunt. O conselleiro agradeceu a Tim Hunt que estivera hoxe no Gaiás para falar das “impresionantes achegas no campo da investigación celular, algo básico para a vida das persoas e para a comprensión da vida mesma”.

Vázquez Abad gabou a relevancia do Programa ConCiencia que, con só sete edicións, “xa se ten consolidado como un referente clave na divulgación científica peninsular e un importante foco na divulgación científica internacional”. Asemade, o conselleiro defendeu que “a Ciencia debe transcender ás institucións educativas, científicas e investigadoras para ocupar o seu lugar na vida pública e na sociedade civil, xa que na Ciencia aséntanse moitas as bases para interpretar a realidade, cambiar o mundo e mellorar a calidade de vida das persoas”.

Hunt recibiu en 2001 o Nobel de Medicina ou Fisioloxía polo seu descubrimento de reguladores clave no ciclo celular: as ciclinas, unhas moléculas que controlan o repartimento de información xenética –contida nos cromosomas- entre as células que dan lugar a un organismo. Unha alteración neste proceso controlado pola ciclinas é o que provoca importantes patoloxías coma o cancro, unha característica observada en numerosos tumores humanos. Pese a eses avances, o profesor Hunt incidiu en que hai moitas mutacións xenéticas que provocan esta enfermidade e mostrouse pouco optimista na consecución dunha fórmula que permita a súa cura.

Ademais do representante de Cultura e Educación, á conferencia asistiron ademais o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares Long; o director do Programa ConCiencia, o profesor Jorge Mira; o profesor Anxo Vidal; e a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño, entre outros.

Nobels no Gaiás

Tim Hunt é o segundo premio Nobel que pasa pola Cidade da Cultura tras a presenza a finais de abril do Nobel de Química 2010, Ei-ichi Negishi, que chegou a Santiago de Compostela para inaugurar a sétima edición do programa ConCiencia. A través destas conferencia, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración coa USC e o Consorcio de Santiago, pretende achegar a ciencia e os seus avances a toda a cidadanía.

Con esta colaboración, a Consellería de Cultura e Educación súmase ao obxectivo de ConCiencia, que non é outro que o de difundir entre a importancia que merece o saber científico como unha forma máis de cultura, ao tempo que propicia o intercambio de coñecementos entre a comunidade científica galega e as personalidades máis sobresaíntes do ámbito científico internacional.

Un referente no campo da medicina

Tim Hunt (1943, Cheshire, Gran Bretaña), doutorado pola Universidade de Cambridge, acadou en 2001 o Premio Nobel de Medicina ou Fisioloxía polo descubrimento de reguladores clave do ciclo celular que permitiu entender mellor a orixe de enfermidades como o cancro.

O ciclo celular é o conxunto de procesos que permiten a unha célula dividirse para dar lugar a dúas células fillas, proceso fundamental en bioloxía que dá lugar aos milleiros de millóns de células que forman aos organismos pluricelulares, entre eles os humanos, na fase adulta. A división celular garante ademais a correcta reparación de tecidos danados ou a reposición de células mortas. As alteracións na división celular dan lugar a patoloxías de gran importancia socio-sanitaria das que a máis coñecida é o cancro.
O Profesor Tim Hunt descubriu en 1982, traballando con ovos de ourizo de mar, unha proteína que se acumulaba xusto antes da división celular, e que desaparecía bruscamente cando as células se duplicaban. Debido ao seu particular patrón de expresión, Hunt chamou "ciclina" a esta proteína. Os seus experimentos non só conduciron ao descubrimento da ciclina, senón que tamén demostraron que a degradación de proteínas era un mecanismo clave na regulación do ciclo celular.
O descubrimento de Hunt permitiu comprender cómo a información xenética, contida nos cromosomas, se reparte de modo equitativo entre as dúas células fillas durante a división celular. Este proceso debe ocorrer dun modo moi preciso no tempo e a forma, e os reloxos que controlan este proceso son as ciclinas. Pero aínda máis, estes achados permitiron comprender cómo as alteracións no ciclo celular causan erros que desembocan na aparición do cancro, e estudos posteriores demostraron que a expresión alterada das ciclinas está presente en numerosos tumores humanos, o que pon de manifesto a relevancia dos traballos do Profesor Hunt.

Menús News node R

Tema