A Consellería de Cultura e Educación promove as ensinanzas de jazz en Galicia a través do dvd Galitalia Jazz Meeting

O disco axuda a difundir o jazz como disciplina integrada nas ensinanzas artísticas reguladas na comunidade, que tivo no curso 2010-2011 a súa primeira promoción de titulados

Gravado o ano pasado, reflicte o encontro entre os estudantes do Conservatorio Superior de Música da Coruña e os do Saint Louis College de Roma, dentro do programa internacional Iberojazz 2011

Mér, 09/05/2012 - 20:34
Imaxe do acto de presentación do DVD
Imaxe do acto de presentación do DVD

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dá un novo paso na formación musical en Galicia, a través dos estudos de Jazz integrados dentro das ensinanzas artísticas superiores de música reguladas na Lei 2/2006 de Educación que se imparten na comunidade.

Así, e en colaboración coa Axencia Galegas das Industrias Culturais (Agadic), hoxe presentouse o DVD Galitalia Jazz Meeting no Conservatorio Superior de Música da Coruña. No acto estiveron presentes os directores da Agadic e do Conservatorio, Juan Carlos F. Fasero e Rodolfo García Alonso, respectivamente. Xunto a eles participou o director artísitico do proxecto Galitalia Jazz Meeting, Alberto Conde de León.

Durante o acto de presentación recordouse que Galicia é unhas das poucas comunidades autónomas que contan cunha oferta de ensinanzas superiores de Jazz conducentes á titulación equivalentes ao grao universitario.

Programa internacional

A primeira promoción de alumnos que iniciaron os seus estudos superiores de Jazz na Coruña rematáronnos no curso 2010-2011 e con tal motivo o Conservatorio Superior organizou, entre outras actividades, un encontro entre estes estudantes e o Saint Louis College de Roma, unha institución que conta con máis de 1.800 matriculados anualmente.

O citado encontro realizouse dentro do programa internacional Iberojazz 2011 na súa 6ª edición, celebrada na Coruña en xaneiro do ano pasado e que quedou plasmado no DVD que hoxe se presentou, Galitalia Jazz Meeting, un documento que dá conta dos resultados dos estudos impartidos na cidade herculina e do que é protagonista a Big Band do Conservatorio Superior de Música da Coruña dirixida por Kin García, con Antonio Solimene como director convidado e Rosario Giuliani como solista saxo alto. A gravación recolle momentos do concerto que acollera no Teatro Rosalía Castro cun programa que combina composicións orixinais dos alumnos con obras emblemáticas do jazz universal.

Valiosa iniciativa

Deste xeito cómpre destacar o gran valor destas iniciativas, pola alta implicación de todos os participantes neste proxecto, desde o director artístico ata o alumnado pasando polo profesorado, compositores, arranxistas e a dirección do centro. É preciso recordar que estes últimos promoven a creación de espazos onde mostrar e difundir as habilidade acadadas polo alumnado galego.

No acto de presentación, que se pechou cun concerto a cargo dos novos licenciados en Jazz no Auditorio Andrés Gaos do mesmo Conservatorio, o director da Agadic defendeu as características esenciais do jazz como xénero que goza na actualidade de total vixencia canto que “mestura a excelencia na composición co virtuosismo e a improvisación na interpretación”. Fixo referencia, neste sentido, á instauración pola UNESCO do 30 de abril de 2012 como primeiro Día Internacional do Jazz, “o que demostra –explicou– o interese mundial por dar unha maior visibilidade a este tipo música e as súas cualidades, as que a mantiveron viva durante centos de anos e que a fan especialmente pertinente hoxe canto á defensa da tolerancia, a creatividade e a mestizaxe cultural”.

Juan Carlos F. Fasero recoñeceu ademais o traballo das empresas discográficas galegas que se dedican a impulsar o jazz -algunhas delas mediante coleccións monográficas que demostran que teñen un público fiel na nosa comunidade- así como dos artistas que desenvolven a súa actividade dentro deste xénero. Animou tamén a todos os alumnos desta especialidade a contribuír ao que podería chegar a chamarse “jazz galego”.

Deste xeito, a Consellería de Cultura e Educación volve a dar conta do traballo que está a desenvolver a prol de impulsar estudos que dean resposta ás demandas da nosa poboación e que ao mesmo tempo incrementen a diversidade cultural desde Galicia

Menús News node R

Tema