O espectáculo de danza e música ao vivo “Gharbo!” da compañía Contra2 estréase mañá na Coruña co apoio da Consellería de Cultura e Educación

O Teatro Rosalía Castro acolle as dúas primeiras funcións desta proposta coreográfica, con música e voz en directo, na que conviven tradición galega e formas contemporáneas

O Centro Coreográfico Galego participou na realización desta montaxe a través dunha coprodución que se materializou tanto na asistencia artística e técnica, como na cesión de material de atrezzo e vestiario

O director da Agadic salientou esta fórmula de colaboración cara ao asentamento de sinerxías de traballo compartido entre a Administración e a iniciativa privada

Mér, 09/05/2012 - 19:02
Presentación do espectáculo
Presentación do espectáculo

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou hoxe na Coruña na presentación da estrea de Gharbo!, espectáculo de danza, música e voz ao vivo que a compañía galega Contra2 realizou co apoio do Centro Coreográfico Galego, en réxime de coprodución. As dúas primeiras funcións desta montaxe multidisplinar e anovadora, na que a tradición galega convive con formas musicais e de movemento contemporáneas, terán lugar mañá día 10 e o venres 11, ás 20.30 horas.

Durante a súa intervención neste acto, o director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Juan Carlos F. Fasero, puxo de relevo a fórmula de colaboración empregada na creación deste espectáculo no sentido de “asentar sinerxías de traballo conxunto entre a Administración e o ámbito privado”. “A partir de mañá –engadiu– o público terá a oportunidade de comprobar o resultado dun proceso compartido, tanto artístico como técnico, durante o que a compañía Contra2 contou coa asistencia e asesoramento dos profesionais do Centro Coreográfico Galego”.

Asesoramento

Gharbo! foi a proposta seleccionada en 2011 dentro do programa de coprodución da unidade de danza da Agadic que, como explicou Fasero, non se materializou a través dunha asignación económica, senón a través de asistencia artística, musical e técnica (de luz e son), cesión de elementos escenográficos de atrezzo e vestiario, ademais dun servizo de análise, asesoramento e planificación de estratexias de xestión, financiamento e comercialización.

A concelleira de Cultura da Coruña, Ana María Fernández; a directora do Centro Coreográfico Galego, Mercedes Suárez; e os membros de Contra2 Nelson Quinteiro e Iván Villar participaron tamén na presentación da estrea da que é a segunda montaxe de sala desta compañía.

A proposta artística

Con dirección coreográfica de Iván Villar e dirección musical de Nelson Quinteiro, Gharbo! conta con dous bailaríns (Iván Villar e Pastor Rodríguez), tres músicos (Xosé Lois Romero ao acordeón, Ricardo Rozas á guitarra e Suso Vaamonde á zanfona e nos coros) e a voz de Nelson Quinteiro para acometer un repertorio no que os tangos, maneos, xotas ou pasodobres se mesturan con movementos que van dende a danza tradicional ao clásico ou contemporáneo, con toques e enerxías propias do flamenco ou doutro tipo de movementos.

Sen perder nunca a esencia da tradición galega, o espectáculo afástase dos estereotipos e bota man dunha caracterización propia dos anos cincuenta, con traxes de raia diplomática como os dos homes que retrataron Manuel Ferrol ou Virxilio Vieites, para homenaxear a todos eses galegos que –a través do seu sacrificio na emigración, o mar ou o campo– forman parte indispensable da nosa memoria colectiva.

A acción de Gharbo! desenvólvese nunha escenografía simbólica e compartida, que representa un típico galpón ou chabola mariñeira e onde o espazo se converte nun ente propio e emocional que fala das lembranzas e das actitudes colectivas e de cada un dos intérpretes. O termo Gharbo! significa para eles esa capacidade compartida de saír adiante, ese trasno, maxia, elegancia e desenvoltura no movemento corporal.

As entradas para asistir a estrea do espectáculo mañá e o venres no Teatro Rosalía están xa á venda na web www.servinova.es, no teléfono 902 434 443 e na billeteira da praza de Ourense. Tamén poderán adquirirse na billeteira do Teatro Rosalía, aberta só os días de función de 12.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 20.00 h.

Menús News node R

Tema