O CGAC, dependente da Consellería de Cultura e Educación, e o Museo do Pobo Galego organizan diferentes actividades para pór en valor estes centros e o Parque de Bonaval
Ambas institución organizarán actos con motivo do Día Internacional dos Museos, porán en marcha os obradoiros ‘Narrativas do parque’ e realizarán un programa de visitas aos espazos compartidos para afondar no seu valor arquitectónico
O Centro Galego de Arte Contemporánea, dependente da Consellería de Cultura, Educación, e Ordenación Universitaria, e o Museo do Pobo Galego, presentaron hoxe asactividades conxuntas que estes dous centros van a realizar ao longo deste ano 2012. O programa presentado hoxe ten unha orientación dobre, por unha banda, achegar os dous espazos museísticos aos públicos do contexto urbano e, pola outra, poñer en valor a arquitectura dos dous espazos no contexto do parque de San Domingos de Bonaval, unha zona compartida que posúe un gran interese histórico e paisaxístico, ademais de ser un espazo de lecer da cidadanía.
O director do CGAC, Miguel von Hafe, o director do Museo do Pobo Galego, Carlos García Martínez, presentaron no MPG o grupo de actividades que desenvolverán conxuntamente e que irán dirixidas a todos os públicos. Este programa é un exemplo máis do traballo de acción cultural conxunto que veñen realizando desde hai varios anos estes dous centros.
En primeiro lugar, o vindeiro 18 de maio, Día Internacional dos Museos, que este ano ten o lema Museos nun mundo cambiante. Novos retos, novas inspiracións, o CGAC e o Museo do Pobo Galego súmanse á celebración desta data abrindo tamén os seus espazos pola noite. Deste xeito, estes centros abrirán, ademais do seu horario habitual, dende as 22,00 ás 00,00 horas, ofertado propostas musicais en cada un dos dous espazos.
Máis adiante, no mes xullo, poranse en marcha os obradoiros Narrativas do parque, onde o narrador oral e poeta Celso Fernández Sanmartín e a artista María Meijide serán os encargados de desenvolver estes obradoiros centrados na historia do parque, na memoria e o imaxinario que esta proxecta e na práctica artística. Deste xeito, realizaranse catro obradoiros polos que pasarán grupos de diferentes idades que irán deixando a súa pegada e visión deste contexto que o CGAC e o MPG comparten coa cidadanía.
A partir do mes de outubro comezará o programa de visitas Espazos compartidos, que pretende afondar no valor arquitectónico dos dous espazos desde o punto de vista do intermedio, do lugar que compartimos e desde o que se procurará tender pontes. Asemade, reflexionarase sobre o concepto de museo e a súa evolución facendo fincapé na importancia do espectador e do usuario dos museos como construtor dos seus significados. A visita incluirá actividades relacionadas coa fotografía, de xeito que os participantes vaian deixando o seu rexistro gráfico e achegando novos puntos de vista e coñecendo os lugares desde outros ollos.
Deste xeito, un ano máis, o CGAC e o Museo do Pobo Galego, desenvolverán un programa cultural conxunto aproveitando o seu espazo común, poñendo en valor o Parque de Bonaval e usando as súas diferenzas como unha escusa para interpelar á cidadanía.